A cuadratura do círculo

Aexpresión “cuadratura do círculo”, no seu senso figurativo, é metáfora dos problemas ou retos de moi difícil solución, ás veces mesmo imposíbel. Herdada dun problema matemático milenario que propuxo resolver, con regra e compás, a cuestión xeométrica de atopar unha área que fose igual a dun círculo dado, retorna agora a xeito de categoría política. Velaí a misión de formar novo goberno do Estado, certamente complicada no cálculo político para sumar maioría parlamentaria.
Hoxe en día, deberíase inverter o enunciado. O desafío é configurar un círculo suficiente en votos, de apoio directo ou abstención positiva, que conxugue a estratexia e o interese dos catro grupos máis numerosos, entre os que debe producirse a solución de gobernación sen chegar a repetir o proceso electoral. Tecnicamente, é posíbel encargar formar goberno ao único representante de Coalición Canaria. Aínda máis, podería optarse por empregar o sistema do sorteo de xeito que “a quen a bola sinale que o Rei lla bendiga”. É o que se fai á hora de forzar a presidencia das comunidades de propietarios que ninguén quere encabezar e vale como método para resolver o atranco. Tal como están as cousas non debe descartarse este xeito de escolla.
Se reto é sinónimo de obxectivo difícil que constitúe un estímulo para quen o intenta, a opción de Rajoy é absoluta misión imposíbel. O bombardeo diario da batería dos medios de prensa militantes na súa causa política, a presión e operacións encubertas dos poderosos grupos de presión económica e a mesma intervención dos acólitos a nivel internacional para forzar unha grande coalición presidida polo insigne veciño de Sanxenxo, a tempo moi parcial, non van acadar que se obre ese milagre prodixioso. Aínda que o Partido Popular, na súa desesperación por aferrarse ao poder, ofertase unha candidata ou candidato alternativo a cousa por aí non sae.
Repetir as eleccións non vai supoñer un resultado moi diferente no substancial. A cidadanía non percibe un problema grave na ausencia de goberno. Bélxica vive unha longa ausencia del e iso non impediu que melloraran os indicadores económicos e de emprego. A normalidade aparente no funcionamento institucional facilita ese estado de opinión. Así, o paso dos días propicia unha solución pola parte zurda do Congreso coa complicidade dos nacionalistas. A calculadora bota fume para cadrar a conta dos compromisos e cesións que deben pagarse por iso. Non hai outra.  

A cuadratura do círculo

Te puede interesar