O compadre Vladímir

Fun á taberna do meu compadre, fun polo vento e vin polo aire; e como cousa de encantamento, fun polo aire e vin polo vento. Nesta letra da cantiga popular a primeira persoa do indicativo perfecto non concreta a relación de compadreo que, con certeza, non é a do padriño de bautizo ou confirmación. Non, aquí o asunto retranqueiro vai polo fío do enredo que une a certos amigos entre si, na relación de interese mutuo e dependente, non se entenda outra cousa que non vén ao caso; esa da que fala o refrán: De compadre a compadre, ollos no sangue. A que semella unir ao actual Presidente da Federación Rusa con Donald John Trump. 
Non é por alarmar, líbreme Deus; sen embargo nos próximos días vai iniciar formalmente o seu período de mandato á fronte da dirección política da potencia máis poderosa do planeta Terra un personaxe singular e francamente imprevisíbel que, para alén da opción á proba con cen días de graza, está a marcar mesmo antes de tomar posesión do cargo un estilo que anuncia liorta. Cos chíos da súa conta na rede, atacando a toda persoa ou instancia que se move a criticalo por mínima que esta sexa, ou cos comportamentos de chularía cotra xornalistas, o futuro mandatario americano mantense no papel que perante moitos anos forxou a súa imaxe pública coa actuación calculada no reality show por el presentado no que, con cara de matón e ningún amigo, popularizou unha frase que lle vai ao pelo: Queda vostede despedido.
O asunto promete. As vésperas non poder ser máis desconcertantes, dignas dun guión cinematográfico de atrevida creatividade. Velaí o cabeza de goberno, in pectore, enfrontado ás míticas e poderosas axencias de espionaxe e seguridade sobre as que mandará. Papeis filtrados sobre informacións comprometedoras que, verdade ou mentira, deixan no ar a sospeita da súa dependencia a favor dos intereses alleos que defende o líder ruso; persoa á que Trump profesa publicamente unha manifesta, e sospeitosa, admiración. 
Por iso, nos próximos días, vai comezar un tempo novo na política mundial que ben puidera resumirse na estrofa daquel “paraugas do Xosé” que gravara a Charanga do Cuco de Velle: “O que é meu é meu … que non quero que vaias dicindo que tumba que dálle, que tal que sei eu”. Coro no que a voz cantante será a do compadre Vladímir. 

O compadre Vladímir

Te puede interesar