Ciclón extratropical

Velaí vén unha borrasca con vento intenso acompañado de tormenta que catalogamos como ciclón, versión reducida no Atlántico Norte do furacán caribeño. Aquí só furancanciño aínda que por veces sexa rabudo. Fenómeno da meteoroloxía para nós tan familiar pola frecuencia de visitas nestes meses de outono e inverno que está a facerse agardar máis do habitual neste ano marcado pola anormalidade de El Niño. Metáfora, tamén, do vendaval de acontecementos agardados para este mundo planetario que está a vivir un tempo de incerteza e medo ao futuro. 
Familiarizados como estamos coa expresión anticiclón que é anuncio de tempo seco e soleado, ademais de propaganda da marca Azores, a palabra ciclón non é parte habitualmente tratada na súa clasificación toda vez que para os técnicos na materia existen unha clasificación que diferenza os de tipo tropical,  tamén considerados tormentas tropicais, furacáns ou tifóns; extratropical, que é o noso; subtropical, á metade dos dous anteriores e polar, un tropical de pouca duración. 
Mais aínda, no caso da súa versión de furacán existe un catálogo da súa forza, concretado nas categorías do un ao cinco; e dicir, de menos a máis na previsión do dano que poden causar. Anomalía que un grupo de meteorólogos galegos non profesionais tenta de paliar coa proposta dunha medida para os ciclóns, inicialmente bautizada como Escala de Klaus na memoria desta lembrada cicloxénese que, fai poucos anos, marcou con destrución e traxedia o norte peninsular.
Alegoría deste fenómeno catastrófico que a natureza cambiante vai intensificando no seu efecto perverso, alterada pola acción humana niso que consideramos cambio climático; atopamos unha simboloxía co momento político internacional derivado da elección presidencial americana. Os pronunciamentos e declaracións públicas do electo inquilino da Casa Branca, os movemento e navalladas que se están a producir ao seu arredor á hora de ir compoñendo a próxima equipa de gobernación; e, para alén das institucións de representación formal, os centros de poder económico e financeiro están a desactivar o perigo de furacán par deixalo en ciclón extratropical.
Trump vai tardar moi pouco en traizoar á “clase obreira branca” que converteu en panca fundamental da súa conquista electoral. Non só incumprirá a reiterada ameaza de expulsar a tres millóns de inmigrantes, sostén dos negocios naquel país, se non tamén a promesa de modificar a condición global do mercado e os grades tratados de libre comercio. Porén, ciclón haberá. Seguro.
 

Ciclón extratropical

Te puede interesar