Camiñar desertos

Deserto é palabra que nos fala dun espazo territorial que non está habitado ou dun lugar onde non hai ninguén. Máis aínda, é substantivo que suma á terra deshabitada as condicións máis adversas do medio natural no marco dunha climatoloxía extrema que impide practicamente a existencia de vida biolóxica con ausencia total da raza humana e dos valores asociados a ela. Por iso é metáfora da situación que atopan as persoas que se ven forzadas á emigración, desde mundos crueis, nun “efecto fuxida” por causa de guerras, pobreza límite e outras moitas circunstancias de inxustiza e desigualdade; ollando de cara ao primeiro mundo como última esperanza de pór coto ao seu universo inhabitable. Aventurarse nunha expedición que os levará a camiñar desertos. 
Mafias, abusos de todo tipo, violencia e moitas veces a morte no camiño. Un auténtico calvario que, con sorte, pode atopar unha situación extraordinaria de certa esperanza, tal é o caso desa embarcación que leva nome dunha bebida de moda, Aquarius, arredor da que estoupa todo o cinismo, deshumanización e sarcasmo que aniña na dirección política europea, e por extensión tamén en boa parte da cidadanía, pechando fronteira a unha acollida que é parte fundamental dos dereitos humanos mínimos, polo tanto tamén obriga dos que deben velar polo seu cumprimento. Xenofobia que toma prestado, nun discurso sutil, porén bárbaro e inhumano, unha mensaxe publicitaria do nazismo que sinalaba unha determinada cantidade de diñeiro para engadir que iso é o que “costa este enfermo hereditario á comunidade do pobo. ¡É tamén o teu diñeiro!”, unha linguaxe mercantilista que foi orixe dun proceso de exterminio que logo derivou no holocausto.
Aquí, para alén da puntual benvida que, con aproveitamento electoral, recibirán as embarcacións que navegan polo Mediterráneo con preto a setecentos nenos, mulleres e homes; desesperados, famentos e danados; non deixamos de crear na opinión pública pantasmas e rexeite que agochamos detrás do medo ao “efecto chamada” como xeito de levantar un muro fronte á memoria da solidariedade que antonte recibiu a nosa emigración noutras xeografías. É tempo de concienciar á poboación sobre a situación que viven milleiros de persoas e forzar ao Estado a cumprir cos seus compromisos de acollida. Hora de rematar coa infame situación que amosa ese valado de arame e coitelos sádicos, levantado na fronteira para botar ao foso do trato infame á xente que só quere ter oportunidade ao futuro. 

 

 

Camiñar desertos

Te puede interesar