Burbulla de filtro

Saber que un paxaro morre no teu xardín pode ser máis relevante para os teus intereses que saber que morre xente en África”, é frase que semella unha animalada insensíbel vista fóra do contexto na que un dos máis coñecidos persoeiros do mundo das redes sociais fixo uso dela para falar do efecto da súa marca, sobre as persoas que partillan dela. Válida, tamén, para explicar o concepto “burbulla de filtro”, proceso de illamento nun mundo propio distante do universo real, patoloxía amosada pola Ministra de Emprego, abandonada de vez pola Virxe do Rocío, cando vén de asegurar “ter creado un emprego de máis calidade” coa reforma laboral.
Un filtro burbulla é metáfora do efecto producido polos algoritmos que controlan os sistemas de procura na rede de Internet, de xeito que produce un resultado de axuste persoal facendo uso de elementos como os gustos, o historial ou mesmo o lugar desde o que se fai o chamado. Deste xeito, diante dunha mesma cuestión, o resultado é diferente nun casou ou noutro. Velaí a burbulla, ideolóxica e cultural, na que se mete ao individuo afastando do resto, engaiolado no seu mundo feliz. No caso da ministra citada o interese é propagandístico, lanzado para ser reproducido polos altofalantes do partido político gobernante e a súa cohorte de medios publicitarios e de prensa afín. A realidade é ben diferente á pintada; sangrante no caso das mulleres vítimas da discriminación no acceso ao emprego e á igualdade retributiva; dos parados de longa duración sen esperanza de atopar emprego ou dese inmenso colectivo xuvenil, récord europeo de parados.
Velaí a faciana máis visíbel da crise financeiras mundial, agravada aquí pola falta de políticas económicas axeitadas. Son os que levan o rótulo de “millennials”, mozas e mozos comprendidos entre a maioría de idade e a corentena de anos, apenas perceptíbeis no cadro de persoal das empresas; e, os poucos que son quen de contar cun contrato de traballo, están moi lonxe do agardado en función da súa formación e coñecementos, soportando o emprego máis precario, os máis baixos salarios, as peores condicións laborais e unha carreira profesional falta de horizonte estábel. Marcados por moito tempo, probabelmente para sempre, no risco de non poder executar os razoables proxectos de vida persoal, laboral e familiar. Pouca ilusión esperta unha economía na que a metade das súas empresas non contan con traballador algún.   

 

Burbulla de filtro

Te puede interesar