Bruído da revolta lila

Bruído, nunha das súas acepcións, é ese son que produce o vento cando sopra forte ou o mar cando está bravo. Metáfora acaída para definir este forte e imparábel movemento das mulleres bravas do país, feminismo militante e comprometido, chamado a mobilizarse nestas datas que enmarcan a conmemoración do Día Internacional da Muller, para reivindicar dereitos propios e igualdade fronte a discriminación que sofren nun sistema que é, mágoa diso, acentuadamente patriarcal por máis que intente agochalo con normas formais, proclamas e declaracións de intencións á procura de atender o berro de xustiza de voces coa cor lila. 

A cor lila ou violeta, ámbalas dúas símbolo do movemento feminista que vai asociada á efeméride do 8 de Marzo, nacido do fenómeno que forxaron, en 1911 nos Estados Unidos, coa súa traxedia as mulleres da fábrica téxtil T-Shirtwaist de Nova Iorque, vítimas da explotación laboral que se cobrou a vida dunhas cento trinta traballadoras por causa dun incendio no que se viron fatalmente atrapadas. O relato indica que, con toda a cautela da súa veracidade que pode non ser tal, no momento de producirse o criminoso accidente laboral alí estaban a traballar con teas desta cor; e por iso pasou a ser o símbolo cromático do feminismo. Unha variante desta narración fala da cor do fume ocasionado por aquel fogo letal alimentado gravemente polas tinturas almacenadas, ollado lila a moitos quilómetros de distancia pola catástrofe producida. Aínda outra versión da adopción desta cor para ser icónico, a respecto da loita das mulleres, considera que “se o feminismo é igualdade de  mulleres e homes, xuntando as cores rosa e azul, o resultante vai ser este lila, a dicir de E. Pethick “cor da soberanía, símbolo do sangue real que corre polas veas de cada combatente polo dereito ao voto feminino, simbolizando a súa conciencia e a súa dignidade”.

Memoria das cigarreiras na Fábrica de Tabacos de A Coruña que fixeron historia, en 1857, coa primeira folga de mulleres en territorio galego, lembranza que acompañará á convocatoria de folga que agora busca superar a notoriedade do pasado ano, marca dun “antes e un despois” na mobilización das mulleres que miran o pouco ou nada que mudou a súa situación e demandas. A fenda salarial fica igual ou mesmo medrou e as pensións das galegas son as máis baixas do ámbito estatal. O bruído preludia vendaval.

Bruído da revolta lila

Te puede interesar