ATRANCOS NO CAMIÑO DA UNIDADE

Atrancos no camiño da unidade necesaria vai haber, seguro. Empurralos con intelixencia colectiva é fundamental para acadar o obxectivo central buscado: Unha candidatura galega de país que permita acadar grupo parlamentario propio no Congreso dos Deputados; e, quizás, mesmo nun Senado chamado a se transformar en cámara de representación territorial. A incalculábel forza de respaldo cidadá dunha alternativa electoral pegada ao interese da maioría social ten, inevitablemente, rivais, adversarios, detractores e mesmo inimigos declarados e belixerantes. Si. É natural e de pura lóxica agardar que as persoas, grupos sociais e políticos que ven ameazado o seu actual status quo de poder presenten férrea resistencia diante dunha iniciativa nacida coa forza extraordinaria da ilusión colectiva capaz de mover montañas e, como tal, mobilizar centos de milleiros de votos, traídos do desencanto convertido en pasada abstención ou tomados do electorado frustrado coa práctica política dos partidos aos que antes beneficiaron co seu apoio.
Veremos como se enreda, con teimosía e por canles e procedementos que non van reparar en formas e modos que respecten cortesía, ética ou moralidade, á procura de tentar rebentar o ambiente de camaradería e irmandade no que debe transformarse a xenerosa edificación dun proxecto de nova factura, nacido da suma individual de mulleres e homes coa participación activa das organización políticas, sindicais e sociais de todo tipo e natureza, fundamentais no propósito.
Obvio é, tamén, saber distinguir entre os ataques orquestrados para demoler o edificio en construción e posicións de boa fe que non comparten un proxecto con obxectivos que, por simpleza e amplitude no denominador común da necesidade de unir un amplo abano de persoas e interese de base social popular, non motivan a súa identificación suficiente; aínda que estean situados nas coordenadas do interese colectivo exclusivamente galego. Non se pode pedir de quen así pense que deixe de facer pública defensa da súa opinión, acredora de respecto.
Agardemos por silencio programado no ámbito dos medios, infinitamente mellor que a información tóxica, compensábeis desde a utilización eficiente das redes sociais que non serán alleas ao ataque guerrilleiro inimigo, camuflado en mensaxes que levarán o disfrace da xente falsamente amiga. Actos de participación e posta en común que sempre atoparán algunha voz con especial capacidade para causar desánimo, debate estéril e polémica nociva. Atrancos a superar coa vontade colectiva de persoas conscientes do seu deber histórico coa causa do pobo galego.

ATRANCOS NO CAMIÑO DA UNIDADE

Te puede interesar