Arañeira tecida co fío da lingua

Ninguén pon en dúbida que as linguas galega, portuguesa e outros desenvolvementos idiomáticos evolucionados a partir delas, forman un tronco común que coñecemos por “lusofonía”. Obvio é que, no marco do ámbito cultural no que se desenvolven, existen unha oportunidade, única e insuperábel, de estreitar lazos de relación en beneficio da colectividade que forman as súas comunidades humanas, socializadas a través do idioma. Nese contexto filosófico e político, aínda que isto é moito dicir, o Parlamento de Galicia, entre as máis de medio cento de propostas de resolución que vén de aprobar no proceso que puxo fin ao debate anual sobre o estado da comunidade, por unanimidade acordou a defensa dunha “aplicación real e efectiva” da popularmente coñecida por Lei Paz Andrade, formalmente en vigor dende fai catro anos.
Certo é que, aquel 11 de marzo de 2014, a unanimidade parlamentaria deu ao nacemento legal o traballo impulsado por unha Iniciativa Lexislativa Popular, transformada así en “Lei para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía”; chamando a valorizar o galego como unha lingua con utilidade internacional. Na norma incluíronse unha serie de compromisos, tal é o caso de incorporar progresivamente a aprendizaxe da lingua portuguesa nos centros de ensino, promover as relacións a todos o niveis con países de lingua oficial portuguesa ou favorecer e permitir a reciprocidade das emisións televisivas e radiofónicas entre ámbolos dous territorios de veciñanza. Porén, moi pouco se ten andado no cumprimento deste mandato legal, en boa causa pola carencia de compromisos e calendario de execución que caeu no trámite da ILP.
Mentres non se executa o mandato do Parlamento, as cousas están a moverse pola base da relación cultural. Velaí a confraternización no evento cultural Cantos na Maré que chega a súa edición número catorce, concentrando en Pontevedra voces que contribúen a un canto coral na teimosa labor de tecer unha arañeira entre as culturas dunha e doutra parte do mundo nos que a lingua que nos une nace da mesma fonética común. Unha ocasión que van aproveitar unha manchea de entidades para formalizar un proxecto de Rede da Galilusofonía; partindo dun Foro da Maré para “construír un espazo común e cooperativo das iniciativas que, en Galiza e Portugal, temos un obxectivo común: Situar o interese galego no seu espazo lingüístico e cultural e deseñar un escenario cheo de futuro para a nosa lingua”.

Arañeira tecida co fío da lingua

Te puede interesar