Alude en Davos

Noticias da meteoroloxía extrema fálannos dun espectacular alude de neve na contorna montañosa de Davos, nos Alpes Suízos. Polo detalle fino da narración sabemos que por mor das fortes nevadas que se produciron en días pasados, os responsábeis de controlar as múltiples avalanchas que foron sucedéndose pola ladeira dos montes próximos, optaron por provocar un alude que non respondeu docilmente á previsión técnica e rematou por descontrolarse ata o punto de engulir dentro da bola de neve a persoas do exército suízo ou a diversos espectadores que miraban unha escena que, propio deste moderno tempo no que non hai cousa que non fique recollida nunha gravación de móbil, saltou á curiosidade mundial dende as redes sociais. 

Porén, a casual avalancha de neve que certamente é algo ben frecuente na zona, colle nesta ocasión unha dimensión metafórica porque estamos diante doutro alude: A presenza dos “amos do mundo” no Foro Económico Mundial, popularmente Foro Davos, que congrega nesta localidade helvética a máis de dúas mil persoas diso que chamamos elegantemente a elite internacional da dirección política, dos negocios multinacionais, creadores de opinión e outras persoas que se confabulan aquí para acordar unha estratexia común na orientación das políticas planetarias. Algunhas delas, polo ben común; outras, para negocio limitado dos participantes nunha asemblea de pensamento e debate á que non vai xente do común. 

Na parte positiva e pública, fóra do ámbito privado que é parte indiscutíbel deste iceberg de poder, o tema escollido para este novo encontro titúlase “Globalización 4.0: Como deseñar unha arquitectura global en tempos da cuarta revolución industrial”.  O relatorio vai pola vía de propor unha cooperación global ao constatar a incapacidade do sistema para elevar os niveis de vida e provocar, dese xeito, unha frustración na xente; tamén, pola incerteza futura da nova onda de mudanzas que trae a revolución tecnolóxica dixital e, finalmente, pola evidencia de que “o cambio climático presenta unha ameaza concreta ao noso futuro común” e por iso débense atopar formas mellores de funcionamento na economía global. Advertindo que “non hai tempo que perder”. 

Iso si, detrás deste enfoque asumíbel, a letra pequena marca un fío condutor na pretensión de “cambiar cousas para que nada mude no fondo” a favor do negocio representado neste cumio. O alude da neve é síntoma tamén dunha avalancha de ausencias sobrevidas entre referentes das potencias políticas, enredados nos seus problemas internos.

Alude en Davos

Te puede interesar