Alquimia estatística

Ese proceso que definimos por alquimia, nun lugar a medias entre engano calculado e un xeito de esoterismo trapalleiro, é lembranza, en tempos de negra peste, da procura en acadar iso que coñecemos pola pedra filosofal que ía ser capaz de converte os metais de baixo valor, caso do chumbo, noutro de ouro ou polo menos prata. Máis aínda, algún vendía mesmo o elixir da longa vida, case eterna, panacea universal que ademais levaba incluída como extra a permanencia da faciana e dos atributos xuvenís de beleza e potencia moza. Coa ollada da distancia histórica fica reducido á charlatanaría da fraude psicolóxica que non pasou de producir falsas pocións máxicas e mesmo puro veleno. Camiño polo que vai o tratamento público dos datos estatais de emprego.
Velaquí, cóllese antes a un mentireiro que a un coxo. Cos responsables da política económica do Goberno central facendo ver que os datos do emprego están ao nivel anterior á crise, acadando eco cego en determinados medios de comunicación que fan corta e pega da información oficial; o libro gordo do Presuposto Xeral do Estado leva marcado a lume a previsión de traspasar máis de dez mil millóns de euros á caixa de pagamentos da Seguridade Social para pensións. Porén, a mala nova non remata niso, co recoñecemento do déficit na recadación pola vía do financiamento da conta pública segregada en contabilidades separadas que se alimentan entre si. Á cifra do préstamo que prevé o Tesouro Público debe sumarse a diminución do Fondo de Reserva que, no mellor dos casos, rematará o exercicio con pouco máis de oito mil millóns; e dicir, con sesenta mil millóns menos dos que chegou a dispoñer ao comezo da etapa actual de gobernos Rajoy.
Por iso, os alquimistas da estatística do Servizo Público de Emprego estatal non poden agochar a verdadeira realidade dun diagnóstico que amosa o pésimo estado de saúde laboral cunha radiografía que, na media anual de afiliación á Seguridade Social, aínda dista en máis de 1,3 millóns de persoas a respecto de 2008. Porén, o máis grave está no modelo de contratacións que levan á fatal alteración dos datos aparentes: Abismal diminución no total de horas cotizadas, froito dos contratos a tempo parcial, e drástica caída nos salarios medios co seu efecto negativo no equilibrio do sistema público de pensións. Nisto, non é ouro o que reluce. Abofé que non.

Alquimia estatística

Te puede interesar