Para alén do infinito

“To infinity and beyond”, mítica frase asociada á filosofía de vida de Buzz Lightyear na saga de animación fílmica Toy Story, aquí traducida coa expresión “ata o infinito e máis alá”, semella formar parte obsesiva dunha camarilla de humanos tolos por achar extraterrestres semellantes a nós; aínda que para iso sexan precisos custosos programas de exploración do espazo exterior á procura de atopar vida intelixente, tal como se aquí no planeta Terra estivésemos sobrados diso. 
Por iso, moita é a razón que ten unha frase copiada dun chío retranqueiro: Retornemos á fase do mono, comecemos de novo porén desta vez fagámolo ben. Sen embargo, no asunto, pouco é o que se pode facer xa. 
Velaí a ilusión óptica que esperta o descubrimento de fenómenos que apuntan á existencia de vida no universo. Cuestión que, no ámbito científico, está xa asumida desde fai tempo por ser de lóxica evidente deducir que a propia vida evolucionada que hoxe caracteriza á diversidade deste noso planeta azul, é de importación do ámbito estelar foráneo. 
A cousa agora é dar cun xeito de vida que estea formada por seres de intelixencia superior, capaces de acudir á salvación dunha civilización, a nosa, que vai polo camiño da perdición. Certo é que se son intelixentes non é moi lóxico que veñan a salvar nada aquí. Todo o contrario.   
Velaí, neste verán marcado pola calor persistente que, nos días de canícula máis intensa, permite experimentar os incómodos efectos do cambio climático provocado, colleron forza nos medios de prensa dúas noticias relacionadas co mundo da astronomía. 
Por unha banda sabemos da existencia dun planeta, provisoriamente chamado “Próxima b”, orbitando arredor da estrela que leva o mesmo nome, cabeza de cartel do vocabulario que rexe para listar un sistema solar novo, unha anana vermella que vive os seus últimos tempos na constelación de Alpha Centauri, á carreira dun can da Terra; iso si, expresado en anos luz que é como falar do infinito metafórico. 
Como adxectivo de distancia, Próxima é un total sarcasmo. Aínda así, nada comparábel á sinal de radio que, científicos rusos disque que escoitaron fai máis dun ano, sen desvelar ata agora, procedente dunha estrela semellante ao Sol na constelación de Hércules, a 95 anos luz da Terra; emitida fai 6.300 millóns de anos. Neste marco de perspectiva cósmica o intento malogrado de investir nova Presidencia de Goberno é un grao de area insignificante. Vexámolo por ese lado.

Para alén do infinito

Te puede interesar