A graza dos cen días

Se botamos man do dicionario, observase que o substantivo feminino “graza”, entre as súas múltiples acepcións comeza por varias que, superpostas entre elas, caracterizan ao momento da política estatal marcada por la xestión de apoios, investimento parlamentario e celebración formal da primeira xuntanza decisoria da equipa do novo goberno coligado, trala promesa de fidelidade á entidade monárquica. Así, graza é “cousa concedida como un favor especial por unha institución dotada de autoridade” que, nos grupos da oposición política da bancada dereita do Congreso e nos ámbitos xornalísticos e de opinión que lle son afíns, non pensan exercer en modo algún. Leña ao mono, dende o minuto un do período de sesións. Para eles, cada manifestación ou declaración de intencións do executivo gobernante e das súas voces ministeriais será valorada como esa “impresión que causa algo ou alguén gracioso”; e dicir, “acto ou dito que reproduce esa sensación, da persoa que divirte e fai rir”. Non darán respiro algún, non. 

Mágoa daquela tradición inaugurada nas terras do alén mar americano pola presidencia saída dos anos que marcaron a depresión xurdida do crack económico de 1929, concertada nunha urxente acción de goberno na que perante cen días a totalidade das e dos congresistas traballaron arreo xuntos nun plan de acción que acadou pór en marcha as reformas e medidas urxentes coas que comezaron a forxar o seu liderado mundial que aínda hoxe ostentan. É, así, que dende aquela ocasión, en grande parte dos sistemas representativos occidentais, estendeuse o hábito de conceder a todo goberno entrante cen días de tregua na confrontación política. Porén, aínda que este non conte con esa graza, non pode esquecer os seus deberes máis urxentes. Abondan, si. 

Emporiso é prioridade saber actuar rápido, peneirando as presións dos grupos de influenza empresarial que están a enredar á hora de tomar decisións que restauren dereitos sociais aos millóns de persoas vítimas das reformas laborais e do sistema de pensións, aos que perderon empregos e tiveron que pasara a engrosar a quenda dos parados cobrando indemnizacións míseras, e mesmo sen elas polo abuso dos expedientes de regulación; aos que viron reducidos os seus salarios, ás pensións practicamente conxeladas no entanto a fenda entre os mellor retribuídos e os que menos cobran, afondaba máis e mais, nun ámbito xeral precario e de abusos coa extensión irregular da contratación. É a nosa graza máis perentoria.

A graza dos cen días

Te puede interesar