Máis Galicia

As eleccións estatais determinaron un rol relevante, mais non determinante, para o proxecto da España plurinacional e rexeneracionista de Unidos Podemos e das confluencias nas que participaban Podemos, IU e Equo, entre elas En Marea. A decepción para os morados foi evidente, malia que en último de contas amosaron que a nova política está aí e para ficar, de non ser que sigan coa perrencha dos últimos días. Galicia non é nin a primeira nin será a derradeira vez que sofre ese dilema de contribuir a unha remuda estatal en sentido democrático e progresista. Mais o tempo para esta contribución xa pasou. É impensábel unha fonda remuda progresista e plurinacional da Constitución e mesmo das axendas da gobernanza e lexislativa impostas polo bipartidismo nos últimos trinta e cinco anos.
Mais sí é posíbel unha fonda remuda lexislativa e da gobernanza na Galicia, que pode adherir a outras nacionalidades e territorios gobernados por coalicións de cambio, quer soberanistas, quer de coalición entre soberanistas e progresistas españois. A recente escolla de Leiceaga como candidato á presidencia da Xunta polo PSdeG fai albiscar unha posíbel unha liña socialista en clave galega, fronte á casposidade españoleira do PSOE andaluz de Susana Díaz ou do PSOE extremeño de Guillermo F. Vara. A meirande parte dos activistas e simpatizantes de En Marea, por outra banda, semellan asumir que Galicia é distinta, conta con intereses de seu moi marcados e ha construir o seu espazo propio. Nomeadamente os dos ámbitos dos distintos municipalismos.
Cómpre, pois, traballar para artellar unha fórmula de unidade nacional que sexa quen de integrar os distintos galeguismos e municipalismos, ao tempo que siga tendendo a mán ás organizacións e persoas non galeguistas que acrediten que Galicia é un país de seu con personalidade e intereses diferentes e, xa que logo, que precisa solucións políticas propias e independentes. Dirán vostedes, pero isto todo non se falou xa o verán pasado e non saiu ben? Certo, mais a dinámica política, nomeadamente os erros de En Marea e o BNG, levounos a unha situación bastante semellante.

Máis Galicia

Te puede interesar