TRANSPARENCIA E OBXECTIVIDADE

Pois resulta que algúns deses medios, escritos ou audiovisuais de Madrid non tiñan abondo con rachar a lei non escrita do respecto pola intimidade das vítimas, que si cumpriron canda o 11-S e 11-M, para agora encetar un linchamento do maquinista. Claro é que o Goberno do Estado traballa mán con mán con eles para proxectar a idea: “Temos un culpábel”. Aínda non escoitamos explicacións oficiais de Renfe e de Adif, pero xa ouvimos a súa acusación ao maquinista. Sospeitas que ratificou un ministro do Interior que chegou tres días tarde, probábelmente incómodo polo mando político e operativo da Xunta sobre a actuación derivada da catástrofe. Mando que é unha esixencia ineludíbel da Lei de Emerxencias de Galicia.
Á hora que isto escrebo o maquinista declara perante o xuiz natural predeterminado pola lei, que é o que manda a Constitución, sen inmisións de enxendros xurisdiccionais como a Audiencia Nacional ou os Xulgados Centrais de Instrución. Será, pois, misión xudicial escoitar os rexistros de chamadas e troco de dados da ruta e do comboio e determinar o complexo causal que deu na catástrofe. O mínimo que lle podemos esixir ao Goberno do Estado, á súa axencia Adif e á súa operadora Renfe é que calen e colaboren coas pescudas xudiciais.
O que si xa sabemos é que a curva do sinistro non desfrutaba do moderno sistema Ertms, senón do antigo ASFA, dos anos 70. E nos trens Alvia éste é o único sistema operativo arestora en todo o treito Ourense-Compostela. O ASFA só advirte doutros comboios ou corpos na rota, sen lle achegar ao maquinista nin un só dado sobre a rota en si. Non por acaso o comisario europeo de Transportes xa advertiu de que este accidente non tería ocorrido se o Ertms estivese operativo.
Hora é xa de pecharmos as especulacións, sobre todo as que veñen do Goberno Rajoy e da Renfe. A solidariedade da cidadanía galega e o seu civismo ante a catástrofe chaman por unha pescuda xudicial rigorosa e obxectiva. Mais, tamén, transparente. Porque a xente xa non acredita en andrómenas, por moi ministro que sexa quen as conte. 

TRANSPARENCIA E OBXECTIVIDADE

Te puede interesar