A trampa olímpica

Despois de máis de tres anos de continuos recurtes sociais, o prantexamento da candidatura Madrid 2020 amosaba unha suposta contención nos investimentos, mais agachando que cumpría construir todas as infraestruturas  condenadas ao futuro desuso, como a Vila Olímpica. Ficaría un investimento pendente de 2.300 M€ e estaban xa executados 6.200M€, acadando mentres o Concello madrileño unha débeda de 7.430 M€ (2.300 €/residente). Na práctica, de lle outorgar a organización do evento, os números dispararíanse. Canto aos retornos, serían seguros, mais  insuficientes para que as Administracións públicas madrileñas puidesen pensar noutra cousa ca en pagar a débeda. Non por acaso Roma, con ser Roma, desbotouse da carreira olímpica, ao priorizar o “panem” sobre os “circenses”. Velaí como se advertiu nidiamente a diferenza entre as prioridades da cidadanía e clases medias e de determinada elite política, en colaboración con algúns operadores empresariais  gorentosos de ladrillo e negocios dirixidos dende os Poderes Públicos. Porque o modelo de Madrid 2020  apostaba, no longo prazo, por unha débeda improdutiva no canto da reactivación empresarial e os servizos públicos. Para as Olimpíadas habería o que non haberá  para a sanidade, educación ou innovación.
Esta realidade adubiouse estes días con doses de patrioterismo e descoñecemento do funcionamento do Comité Olímpico Internacional verdadeiramente inéditas. Despois de Brasil 2016 tocáballe, por tradición, a vez a Asia e Madrid non  xogaba. De feito, a poderosa París agardou a presentar a  súa candidatura até a edición do 2024, cando teoricamente lle cumpra organizar a Europa. Malia esta evidencia, algún falabarato conseguiu que os “media” madrileños repenicaran seguido que Madrid contaba con 56 votos, unha cómoda maioría absoluta. Pois ben, 26 votos obtidos, u-los outros 30?.
Canto á Galicia, excluída por Madrid da asignación das subsedes (Valencia, Andalucía, Castela e Aragón, coma sempre), non perde nada con este fracaso. Porque, nesta  recesión, a recentralización brutal de gasto que agochaba Madrid 2020 tería sido moi prexudicial para o noso País, que desaparecería  do mapa dos investimentos públicos estatais. 

A trampa olímpica

Te puede interesar