O supremacismo de “Hablamos Español”

aquela “Galicia Bilingüe” dos anos 2008, 2009 e 2010 guindou de todo a máscara e presentouse este sábado n’A Coruña a faciana descoberta como plataforma “Hablamos español”. Canda grupos parellos de Euskadi, Catalunya, Nafarroa, as Illes ou o País Valencià queren que no ensino non se use lingua distinta do castelán ao longo e largo de todo o Estado español. Vaites, vaites… O mundo ao revés. Cando case todos pensamos que o problema é unha lexislación galega discriminatoria coa lingua que limita substancialmente o uso do galego como lingua vehicular e impídeo de feito no ensino infantil das nosas cidades.
Dirán as lectoras “acouga,Xoán…Estas persoas profesan un extremismo freakie no lingüístico que non lles achega simpatías en Galicia. A nosa Terra é refractaria a estas cousas”. E eu terei que lles dar a razón no exame illado do asunto. Mais esta organización e esta campaña fan parte dunha ondada de supremacismo españolista que conecta coa axenda do partido dereitista de moda (Cs) e que basea a súa actuación en vellos lugares comúns da tradición autoritaria deste supremacismo. “Ao meu fillo non quero que lle ensinen en galego”. “En España só en español” ou “Non hai dereito a esixir o coñecemento de ningunha lingua distinta do castelán para traballar en ningures e menos na función pública”.
No fondo latexa un rexeitamento pola pluralidade lingüística e cultural do Estado ()pola súa plurinacionalidade) e acubíllase un resentimento coa limitada recuperación nacional galega, catalá ou vasca da transición. O leitmotiv destas campañas é voltar “a lo que siempre fue España”. Falan dunha sociedade de cidadáns libres e iguais, mais a súa igualdade é a da ditadura que seguiu á rebelión da historia orwelliana: “todos os animais son iguais, pero algúns son máis iguais ca outros”. Os que pretenden que se fale só castelán no Estado serán eses cidadáns máis iguais.
Velaí que sexa preciso decatarnos do perigo destas manifestacións supremacistas para defender o galego como lingua vehicular no ensino. Único xeito de garantir unha educación pública inclusiva para todos. Unha educación na igualdade e nos valores de liberdade, universalidade e identidade, dende Galicia para Europa e o mundo todo.

O supremacismo de “Hablamos Español”

Te puede interesar