Unha ruptura demorada de máis

illares e outros tres dos catorce deputados do Grupo Parlamentario de En Marea asinaron o seu pase ao Grupo Mixto, mentres unha quinta –Flora Miranda– anunciou a súa demisión inmediata. Deuse, pois, unha situación inédita: que os deputados suxeitos á liña política marcada polos órganos lexítimos do partido tivesen que deixar o Grupo no canto de facelo os deputados que racharan coa disciplina. Esta situación sería impensábel no eido local, onde as disposicións antitransfuguismo permiten a expulsión dos concelleiros rebeldes. Mais o Regulamento do Parlamento non ten normativa análoga.
Compre lembrar que ás eleccións galegas de 2016 compareceu un partido, En Marea, fundado como organización nacional galega e soberana. A desaquelada proporción obtida por Podemos entre os catorce deputados explícase nunha trampulleira abordaxe telemática do proceso de primarias das candidaturas que recoñeceu Echenique e marcou o comezo da colonización podemita.
Ficou entón claro que existían dous proxectos, un nacional galego e outro que acreditaba seren sucursal da esquerda española, cada vez máis sometida ao personalismo de Iglesias. Velaí que a ruptura tardara de máis. Habería ter chegado antes, quizais cando o chamado grupo confederal no Congreso impediulle a Alexandra Fernández e Miguel Anxo Fernán Vello actuar como voceiros. Pagaba ben máis a pena que Fernán Vello e Alexandra Fernández, ao xeito do que fixeron os catro deputados de Compromis, pasaran a Grupo Mixto para visualizaren a liña política que querían as bases de En Marea.
Mais Deus nos libre dun xa foi. Aquí pasou o que pasou e En Marea enfronta o seu futuro sen representación nas Cortes nin nos principais galegos, só con algunha representación local propia ou próxima nalgúns medianos e pequenos. E ten de decidir o seu futuro dende esas desfavorábeis condicións, quizais a só un ano das vindeiras eleccións nacionais galegas.
Hai espazo para unha forza nacional galega á marxe do BNG? Non o había hai dez ou doce anos, mais semella que arestora podería existir ese oco, na medida na que o BNG non aposte por cobrir tamén o espazo dos sectores menos ideoloxizados, da transversalidade interclasista e das propostas socialdemócratas. Mal farían os mareantes se definen o seu proxecto “contra” no canto de facelo en positivo e abertos, quer á aberta competición, quer a determinada cooperación co BNG.

Unha ruptura demorada de máis

Te puede interesar