Os principios marxistas de Ada Colau

Ada Colau segue a ser alcaldesa de Barcelona logo de acadar 21 votos entre os 41 concelleiros e, deste xeito, a maioría absoluta que require a lexislación electoral local para obter a alcaldía no canto da candidatura máis votada (Esquerra Republicana de Catalunya –ERC–). A Colau xuntou os seus 10 concelleiros aos 8 do PSC nun pacto de goberno (o mesmo PS que aprobou o 155 a fins de outubro do 17) e recebiu 3 dos 6 votos dos concelleiros de Barcelona pel Canvi–Ciutadans, o do antigo primeiro ministro francés Valls, do antigo ministro do PSOE Celestino Corbacho e o doutro representante da espranza branca das elites barcelonesas do Upper Diagonal.

Disque Colau xurdiu do 15-M e da Plataforma antidespexos. O máximo recoñecemento para o seu traballo social anterior á alcaldía. Mais pasaron moitas cousas nestes catro anos. A xestión dos Comúns na capital da Catalunya foi cativa, como noutros concellos da nova política. Resultados ruíns en alugueiros sociais, degradación da convivencia urbana, proxectos de infraestruturas desaquelado…

Colau tentou na súa verbalidade manter unha imposíbel equidistancia entre soberanismo e unionismo na crise de setembro e outubro de 2017, mais agora decidiu de vez a prol dos do 155, pactando co PSC e, o que é máis desaquelado, aceptando os votos dos tres concelleiros independentes da candidatura de Citadans. Unha candidatura abeirada nas elites unionistas, que disque  forneceron Valls estes seis meses duns medios de vida que esixiu e que algunhas fontes calculan nuns 20.000 €/mes!! A candidata da ruptura, do 15-M e da xente do común apoiouse primeiro no PSC e nos herdeiros do PSUC, sempre omnipresentes no Concello e agora fai depender o seu goberno dos tres votos decisivos do antigo premier francés. Cousas veredes ou como diría o noso Manquiña naquel mítico Airbag “lo mismo que te digo una cosa te digo la otra”.

Colau escolle socios, escolle amigos, escolle trincheira e non lle importa que a súa decisión sexa coetánea da interlocutoria do Supremo que lle impide ao eurodeputado e presidente de ERC, Junqueras, acceder á plenitude dos seus dereitos políticos, no peor exercicio dunha arbitrariedade xudicial vulneradora do dereito á participación política que fana a fasquía e funcións do Parlamento Europeo. 

Tanto lle ten á alcaldesa. O importante é reter o poder, malia que menos dun 30% das súas bases expresaran a súa conformidade para o efecto.

Os principios marxistas de Ada Colau

Te puede interesar