Miércoles 21.11.2018

Presos para toda a vida

Foille abonda ao PP a súa maioría absoluta para introducir en marzo de 2015

Foille abonda ao PP a súa maioría absoluta para introducir en marzo de 2015 a prisión permanente revisábel (PPR), que permite condenar ao cárcere por tempo indefinido aos que cometen delictos de asasinato no seo de organizacións criminais, asasinatos múltiples ou en serie, homicidio do Xefe do Estado, do seu sucesor ou de Xefes do Estado estranxeiros, xenocidio ou semellantes, asasinato de menores de 16 anos ou persoas especialmente vulnerábeis e indefensas e calquera asasinato precedido de agresión sexual. A permanencia no cárcere revisaríase cada dous anos logo de se cumprir 25 anos de cumprimento (cando o feito puníbel consista nunha morte ) ou aos 35, cando sexan dúas ou máis.
Este último outubro o PNV propuxo e a maioría do Congreso aprobou unha proposición de lei orgánica, arestora en trámite, que derrogaría a PPR, coa oposición do PP e a abstención de C´s. Ducias de milleiros de cidadáns apoian o seu mantemento a requirimento de Rocío Viéitez, nai das nenas de Moraña asasinadas polo seu pai ( primeiro condenado á PPR). A iniciativa de Rocío Viéitez é lóxica e demostra lucidez, ausencia de ánimo de vinganza e sentido cìvico.
Mais a política criminal non pode atender só ás lexítimas demandas das vítimas. Porque a indeterminación da duración da PPR atenta contra o principio de legalidade. E porque a propia pena vulnera os principios constitucionais de reinserción e resocialización, propios dos sistemas penais democráticos, ao enfrontar aos condenados, na maioría dos casos, a unha pena efectiva a perpetuidade.
O certo é que o Estado español conta cun dos sistemas penais máis ríxidos da Europa, que ten xerado altos níveis de superpoboación penitenciaria. As penas son longas (un duplo asasinato cumprirá normalmente 30 e 40 se son actos de terrorismo ou criminalidade organizada) e non admiten redención. Son excepcionais os casos de cumprimento efectivo inferior aos ¾ da pena imposta. E, malia o horror de casos como os de Moraña ou Rianxo, non somos unha sociedade onde existan altos níveis de criminalidade nin éstes empeoraron nos 23 anos de vixencia do Código Penal da democracia.
Se é permanente non é revisábel. Se revisábel non é permanente. A PPR é un xeito de branquear semánticamente o que non é senón cárcere a perpetuidade.

Presos para toda a vida
Comentarios