O tripartito do 155

Dende outubro vivimos unha mutación constitucional á marxe de todo procedemento legal, en clave de estado de excepción non declarado. Porque o Goberno do Estado e o Senado, seguindo a Carl Schmitt, acordaron  medidas de excepción á marxe da legalidade, na pura  lóxica do “a por ellos” e do “hay que hacer todo  lo que haya que hacer”
O artigo 155 da Constitución permite só adoptar medidas de control e intervención do autogoberno, como escrebiron xuristas ben alleos ao soberanismo, como Gª de Enterría ou Gil-Robles  Gil-Delgado. Mais non medidas de suspensión da autonomía, como o cesamento do  Goberno catalán e  a disolución do seu Parlament. Porén, as medidas de excepción non ficaron no 27-O senón que continuaron ao se decretar prisión para políticos por mór de inexistentes delictos de rebelión ou sedición e ao vulneraren a competencia dos Tribunais ordinarios cataláns para que fosen a Aud. Nacional (AN) e o T. Supremo (TS) os que axuizaran os procedementos abertos contra os nunca violentos líderes soberanistas. O discurso do Xefe do Estado do 3-O chamou á implícita declaración deste estado de excepción. E dende entón os seus tres piares políticos desputan irracionalmente para ver quén propón a ilegalidade máis grande. Disque para defender a unidade de España. 
O PSOE (especialista en lle mercar o relato territorial á dereita españolista) chegou estes días a  extremos impensábeis hai poucos meses, como reformar o Código Penal para castigar como delictos de rebelión decisións ou actuacións políticas non violentas. Seica tamèn a convocatoria de referéndums. Emenda á totalidade ás reformas xurídico-penais de Belloch (1995) e Zapatero (2005). Sinal inequívoco de que os presos están no cárcere pola decisión arbitraria dos maxistrados do TS e  de que a súa inminente perda dos dereitos políticos (só posíbel neste caso antes da sentenza por unha interlocutoria de procesamento definitiva polo delicto de rebelión ) vai contra toda legalidade.
Mais no presente campionato europeo de ilegalidades tamén salientan a proposta de Ciudadanos de que continúe o 155 malia que haxa novo Govern ou a provisional decisión do Goberno do Estado do PP de non publicar no DOGC o nomeamento do novo Govern, esquecendo maliciosamente que todas as persoas nomeadas están na plenitude dos seus dereitos políticos e que a publicación é un acto regrado e incondicional. Malos tempos para se dedicar ao Dereito.

 

 

O tripartito do 155

Te puede interesar