Non está nada decidido

Malia que todas as enquisas publicadas a sete días das eleccións nacionais galegas outórganlle ao PP a maioría absoluta, na banda de entre 38 e 41 escanos, o xogo electoral segue aberto e hai partido. As enquisas coinciden todas cun nível de voto ao PP entre o 43% e o 46,7%, polo que unha meirande mobilización das xeracións novas e intermedias podería producir remudas, na liña das eleccións nacionais do 2005, cando Fraga perdeu a maioría absoluta ou das recentes eleccións estatais de decembro 2015. Porén, baten as principais forzas da oposición co relativo descoñecemento dos seus candidatos e candidatas fronte ao xeral coñecemento de Núñez Feijóo. Velaí que as posibilidades reais de alternativa pasen pola non agresión entre as forzas galeguistas e progresistas, pola mobilización da metade da sociedade galega que vota contra o PP e por uns resultados de C’s no limiar dos escanos, mais sen obtelos, pouco por debaixo do 5% nas catro circunscricións.
O pacto de non agresión entre as forzas progresistas vai indo. Porén, máis incerta é a mobilización  dese 57,2% da enquisa do CIS que quere “outro ou outros partidos distintos do PP” no Goberno da Xunta, malia que semelle ser posíbel. Por outra banda, as enquisas anuncian que C’s si lle vai roubar uns milleiros de votos ao PP que non lle darán doadamente para escano. Indubidábelmente existe unha maioría social que perdeu co PP e con Feijóo estes sete anos e medio. Que perdeu cos graves recurtes en sanidade, dependencia e educación, coa suba do desemprego do 12% ao 17,7% e coa redución das rendas salariais. Que viu emigrar milleiros de rapaces e rapazas ben estudados. Que sofriu unha política desleixada, cando non agresiva a respecto dos mexilloeiros, produtores do cerco, gandeiros e sector naval.
Velaí a necesidade dunha remuda na gobernanza deste País. Os partidos que poden darlle a alternativa ao PP (que contará de certo cos escanos de C´s no caso de quitalos) non están a prometer a lúa e os seus candidatos e candidata semellan persoas honestas e competentes. Unha coalición que substitúa o goberno de Feijoo non será o caos nin vai matar ninguén. Pola contra, pode ser o comezo para un programa de goberno a catro anos que revirta o mal camiño polo que Núñez Feijóo leva a Galicia.

Non está nada decidido

Te puede interesar