Lunes 19.11.2018

Monarquía e Deep State

oDeep State descrebe o miolo decisional dunha sociedade política

oDeep State descrebe o miolo decisional dunha sociedade política. Un núcleo de poder que tende a remanecer impermeábel ás remudas de gobernos e maiorías parlamentarias. Ao dicir da intuición popular (e de non poucos analistas sociais e políticos) os que mandan de verdade.
Os Borbóns, devanceiros directos do actual e pasado Xefes do Estado, reinaron ininterrompidamente sobre os territorios do Estado español dende primeiros do século XVIII, de non ser os tempos das dúas Repúblicas e da ditadura franquista. O primeiro Borbón que sofrimos introduciu o absolutismo do seu avó, Louis XIV de Francia e suprimiu a ferro e lume, por mór dun suposto dereito de conquista, as institucións políticas de autogoberno do País Valencià, Aragón, Catalunya e les Illes. No século XIX a monarquía borbónica  suprimiu as liberdades forais de Euskadi e Navarra , mentres substituían a limitada personificación representativa e gobernativa do País como Reino de Galicia pola máis absurda e xacobina centralización, partíndoo en catro cachos provinciais.
Os Borbóns impuxeron unha centralización desaquelada que proscribiu do ensino todas as linguas peninsulares distintas do castelán. Mais a súa centralización foi tamén económica, constituíndose unha oligarquía próxima ao Poder real que foi a que enfrontaría dende concesións e monopolios os grandes plans de estradas e ferrocarrís,sempre radiais con centro en Madrid, dende o XVIII e XIX até Primo de Rivera e Franco.
A cristalización do Deep State económico español ten moito a ver coa estruturación dun potente lobby construtor-concesional entre 1965 e 1995 e coas privatizacións de grandes paquetes accionariais da banca e da distribución eléctrica nos tempos do aznarato,que lle deron ao Ibex 35 a súa fasquía actual.
Este Deep State económico baséase nas avantaxes regulatorias e nunca na libre concorrencia, que sempre tenta evitar. Hoxe, ademáis, extende o seu control sobre os grandes grupos mediáticos de Madrid e coordina os seus intereses coa elite funcionarial estatal.
Cando Filipe VI falou o 3-O como un líder de parte ratificou a existencia e plena funcionalidade deste Deep State,do que  a Coroa constitúe a súa institucionalización permanente.

Monarquía e Deep State
Comentarios