MÁIS IGUALDADE, MÁIS COHESIÓN SOCIAL

Acuestión da igualdade das persoas (mellor ca dos sexos, é evidente que aquí tampouco son acaídas as respostas bipolares ou bipartidistas) trascende do ámbito dos dereitos fundamentais. Porque constitúe unha cuestión fulcral na nosa vida social e económica. O sexismo, o mesmo ca o racismo ou o clasismo, descoñece os valores da inclusión e cohesión social e ergue barreiras inxustas e mesmo antixurídicas, mais tamén barreiras ao desenvolvemento social e ao crecemento económico, que precisan contar con todas as persoas posíbeis e no mellor de cadansúas capacidades. Contábame este día unha mediana empresaria, muller comprometida social e políticamente, que os plans de expansión da súa empresa estaban a se ver ameazados pola situación de violencia machista que sofría unha súa íntima colaboradora. Velaí unha visión da que moitas veces non nos decatamos: a violencia machista non é só un crime, é tamén un ataque ao benestar social e económico.
Sen chegar ao extremo da violencia machista, vemos como os recurtes afectaron nomeadamente ás mulleres pola súa menor vinculación cos núcleos duros de poder, mais tamén por ser até de agora os principais garantes do benestar das crianzas, persoas maiores e dependentes. O decremento substancial da cobertura social limita a incorporación plena da muller ao mercado de traballo, mais tamén a grande achega á creación de emprego e benestar que xeraría un mundo laboral, unha iniciativa empresarial, con participación parella de homes e mulleres.
Por outra banda, as substanciais deficiencias das nosas empresas e organizacións na orde de promovermos a conciliación da vida laboral coa persoal deriva en horarios inasumíbeis e dinámicas organizativas e funcionais absurdas que apartan millóns de mulleres ben preparadas das funcións de dirección e iniciativa.Novamente non perden só as mulleres, nin os sectores máis febles da sociedade. Perdemos tod@s. E mire vostede, que pensa das cotas de xénero? Pois que lle vou dicir? Que non lle acredito nelas, mais si acredito en todo o que se acadou con elas. É dicir, penso que non podemos pasar sen as cotas.

MÁIS IGUALDADE, MÁIS COHESIÓN SOCIAL

Te puede interesar