miércoles 2/12/20

Madrid: un (o) problema de Estado

tensión xerada polas diverxencias sanitarias entre o Goberno rexional de Madrid e o Goberno do Estado fixo agromar, porén, un consenso implícito de ambos os dous Gobernos a respecto da especialidade da rexión madrileña como auténtica cerna do Estado, de xeito que Madrid é o núcleo fundamental de España e España só se podería entender dende o seu centro, dende Madrid.
Velaí que políticos e analistas tenten dexergar as razón e consecuencias desta hexemonía madrileña. Unha hexemonía construída dende a elección da capital máis afastada das costas e fronteiras da Europa, dende a planificación radial das estradas e camiños de ferro e, máis modernamente, dende a converxencia de obxectivos entre a privatización a prol de grupos con sede en Madrid das empresas públicas dos sectores regulados, o destino masivo de recursos en infraestruturas a prol da Vila e Corte (lembremos aquel billón de pts.-con b de burro- dos Fondos de Cohesión investidos na ampliación do aeroporto de Barajas) e máis o “dumping” fiscal do Goberno rexional, que na práctica suprimiu os Impostos de Patrimonio e Sucesións e Doazóns, atraendo grande número de residentes doutros territorios do Estado. 
Das resultas destes procesos ( uns consubstanciais á definición do Estado español borbónico, outros propios dos últimos trinta anos), a rexión de Madrid representa hoxendía o 19,2% do PIB con só un 1,6% do territorio. Mais esta xeración do PIB non xurde dunha base produtiva dinámica, diversificada ou competitiva, senón nomeadamente do efecto da capitalidade. O 29% dos empregados públicos do Estado  ubícanse na Vila de Madrid. O 60% das licitacións do sector público estatal adxudícanse a empresas con sede social en Madrid. O 45% dos empregos de Madrid son altamente cualificados, actuando como aspiradora dos graduados universitarios do resto do Estado. Porén, a actividade económica non vencellada ao sector público nin os sectores regulados (banca, seguros, distribución eléctrica e lobby construtor-concesional) artéllase na costa (arredor dos eixos atlántico galego, cantábrico, e mediterráneo) e do val do Ebro. A única multinacional do Estado de base industrial e comercial, Inditex, xurdiu na Galicia.
As elites económicas, políticas, funcionariais e mediáticas de Madrid constitúen o Deep State, o Poder real no Estado, permanente ás remudas electorais, institucionalizado na permanencia da Xefatura do Estado na familia Borbón. Estas elites recentralizaron a lexislación do sector eléctrico para impedir que Galicia ou calquera outro territorio puidese quitar beneficio da explotación das enerxías renovábeis, apostaron por tentar garantir a continuidade de ENCE até 2060, fixaron en 4.000M€ a indemnización a Florentino Pérez pola desfeita do Castor e sempre se opuxeron –como ven de escribir Xavier Alcalá– contra calquera ubicación de axencias e ministerios estatais fóra da megalópole do oso e do albedro. Unha federalización real habería suxeitar a rexión de Madrid á vontade dos territorios (como os Estados da Unión exercen o control da capital federal, Washington, privada de autonomía política por ser distrito federal) e limitar a súa autonomía tributaria para evitarmos o dumping fiscal. Alén disto, cumpriría a menor coincidencia das capitais política e económica, coincidencia que é  incompatíbel coa gobernanza federal, como nos aprenden os exemplos dos USA, Canadá, Australia, Alemaña e Suiza.

Comentarios