O profesor Xavier Vence (USC) apréndenos o fondo proceso de recentralización económica sofrido polo Estado a prol da rexión madrileña, alicerzado dende os anos 80 do século pasado sobre tres procesos : i) a privatización das empresas públicas do antigo INI durante grande parte da época de Felipe González e do aznarato (1986-2000), ii) a progresiva centralización das sedes operativas de bancos, construtoras e distribuidoras eléctricas en Madrid (lembremos a derrota do capital galego na batalla de Fenosa fronte a Florentino Pérez-axudado por Botín-no 2006 ) e iii) a concentración de todos os aparellos centrais de Estado en Madrid.
Segundo o Institut Valencià d`Investigacions Econòmiques a rexión de Madrid acadou o 44,5% do total dos investimentos estatais entre 1988 e 2018, cando só representa o 15% da poboación e o 19% do PIB estatais. Na rexión viven o 29% dos funcionarios públicos do Estado. Un 100% máis do que lle cumpriría ao seu peso demográfico.
Madrid é unha aspiradora que depreda seguido os titulados superiores do resto do Estado, beneficiándose dos investimentos en formación dos gobernos autonómicos periféricos e da absurda radialidade das redes de estradas e ferrocarrís estatais. Velaí o caso da conexión de alta velocidade con Lisboa, que Portugal quere con Galicia, como nos tamén precisamos e Madrid arela pola Meseta, convertendo Lisboa nunha nova estación término do seu sistema tentacular.
Madrid xa baleirou case toda a Meseta e vai camiño de baleirar a Península ibérica toda. Porque, ademáis de ir dopada de investimentos e recursos, exerce un claro dumping fiscal, a medio de rebaixas substanciais de impostos que os outros territorios non se poden permitir. Mesmo nin os que desfrutan de réxime foral).
Cómpre aquí fiar fino. A autonomía financeira é consubstancial ao autogoberno. Galicia precisa acadar a plena transferencia da xestión, inspección e recadación de todos os tributos. A competencia entre xurisdicións fiscais territoriais é boa.
Mais é boa cunhas regras comúns de xogo que o Goberno rexional de Madrid non cumpre dende hai vinte anos. Porque a substancial rebaixa do IRPF autonómico (que pesa o 50% do imposto) atrae ducias de milleiros de residentes que desfrutan de rendas moi altas. O que non tería máis importancia se non fose porque estes cidadáns seguen consumindo os servizos públicos (nomeadamente sanitarios) dos seus lugares de residencia efectiva.
Doping&dumping. Reverter a recentralización económica é fulcral para a viabilidade da maioría dos territorios do Estado.