Miércoles 14.11.2018

Macron e a Europa

Como xa prognosticamos hai quince días gañou Macron moi amplamente

Como xa prognosticamos hai quince días gañou Macron moi amplamente. O escrutinio ao 65% dálle a Mme. Le Pen o 37,5 por cento dos votos fronte ao 62,5n por cento de Emmanuel Macron.
Moi pouca colleita extremista para tanto balbordo, cando amplos sectores (fálase do 20%) da dereita dura de Fillon xogaron á extrema dereita e un irresponsábel sector da esquerda de Mélenchon amosaron unha equidistancia merecente da reprobación do conxunto dos demócratas.
Vencido (polo de agora) o feixismo, compre ollar para o trunfo deste presidente sen partido. Esquerda, centro e dereita democráticas aliñáronse a carón deste presidente, o máis novo dende o corso Bonaparte.
Mal menor? Moi probábelmente. Un candidato que medra do 24% ao 64% entre a primeira e a segunda volta suma por exclusión. É evidente.
Macron ten agora dúas prioridades. A primeira deseñar unha estratexia cara ás eleccións parlamentarias de xuño. Cál será a súa aposta?
O esquerdista alternativo Mélenchon pode acadar a maioría na segunda volta en moitos distritos, mentres a dereita republicana é moi difícil que obteña un grupo potente.
De calquera xeito, semella que Macron non ten tempo de cooptar candidatos parlamentarios gañadores.
Máis voltas ten a pegada que poida causa Macron na nova Europa. Descontado o tempo de impasse das lexislativas francesas de xuño e as eleccións xerais alemás de setembro, Macron ten a lexitimidade de lle dar pulo a unha anovada federalización da Europa, de construir un discurso da unidade europea que lle opór ao brexit, mais tamén ao depresivo relato dos primeiros ministros húngaro, polaco e español ou á ollada curta dos ministros de Finanzas holandeses, fineses ou alemáns.
Os liberal-demócratas do flamengo Gy Verhofsdatd ou do FDP alemán e o Partido Demócrata italiano, outravolta dirixido polo fiorentino Matteo Renzi, de seguro estarán ao seu carón nesta andaina.

A arrincadiera: Rivera e Macron
Poucas ocasións mellores para dar o espectáculo ca a autocomparanza entre os cidadáns Albert Rivera e Inés Arrimadas e o presidente eleito Emmanuel Macron.
Nin Ciuadadanos nin Unión, Perogreso y Democracia encaixan no esquema liberal-demócrata europeo, onde fan parte o Partido Nacionalista Vasco e o PDCAT, a antiga Convèrgencia Democrática de Catalunya. Semella que en Bruxelas xa se decataron e porán aos laranxiñas no seu sitio, máis cedo ca tarde.

Macron e a Europa
Comentarios