Juana Rivas: unha sentenza desaquelada

O xuiz do Penal nº 1 de Granada ven de condenar Juana Rivas por dous delictos de retención de menores do artigo 225 bis do Còdigo penal ( 225 bis CP) a cadansúas penas de dous anos e medio de cárcere  e tres de privación da súa  patria potestade a respecto dos dous menores. 
A sentenza é certamente desproprocionada. Mais esta desproporción nace dun erro na aplicación da lei penal. Neste caso hai unha única acción, un único ben xurídico protexido vulnerado (o mantemento dos menores na convivencia canda o proxenitor custodio) e, xa que logo, un só delicto. En circunstancias normais, nas que non existisen outros elementos  a considerarmos, a pena non habería sobardar os 28-30 meses.
Mais neste caso hai outras cuestións absolutamente substanciais que non se tiveron en conta na sentenza. Porque exclúe este delicto  o feito de existir causas xustificadas para a retención ou substracción. Causas que evidentemente van vencelladas á interpretación que a nai neste caso fixo do risco que vivían os seus fillos na compaña do seu pai, co e non só na condenado no 2009 por un delicto de violencia machista e acusado dende xullo de 2016 polo mesmo comportamento (denuncia á que a xustiza italiana non lle deu aínda trámite). Unha interpretación apoiada polo criterio de xuristas funcionarias da Administración autonómica andaluza, quizais dun xeito irresponsábel nalgún intre concreto. Verdade é que a entrega efectuouse serodiamente, xa executiva a sentenza civil, cando llelo ordenou  o xulgado de instrución penal. Mais fíxose sen necesidade de coerción policial, antes de rematar o prazo outorgado, polo que semella que habería terse acollido unha atenuante de reparación do dano.
Botouse faltar un axuizamento dende a perspectiva de xénero. Dende a condena do 2009 Juana volveu vivir co pai dos seus fillos e  e non denunciou até que voltou en 2016 a Andalucía. Desta omisión deduce o xuiz a inexistencia de violencia machista, cand esa falla de denuncia  é característica de moitos procesos de maltrato, nomeadamente dos de anulación da personalidade por maltrato psicolóxico. 
A probabilidade desa violencia, conectado coa “causa xustificada” do 225 bis CP  xustificaba considerar unha eximente incompleta que rebaixara substancialmente a pena imposta. A sentenza é desaquelada e xera unha grande alarma social. Urxe a formación de xuices e fiscais en perspectiva de xénero.

Juana Rivas: unha sentenza desaquelada

Te puede interesar