Incapacidades das esquerdas españolas

Dicía Josep Plà que o máis semellante que había a un español de dereitas era un español de esquerdas. Porque partillaban doutrinas dogmáticas e impermeábeis, refractarias á negociación e unha idea de España unitaria, que percebía a plurinacionalidade como realidade que cumpría superar, cando non coma inimiga. Os anos decorridos non teñen mudado as posicións políticas. As esquerdas ben puideron achegarse á realidade plurinacional do Estado con sinceridade e mesmo aprezar no autogoberno das nacionalidades a chave que servise de ferramenta para construir unha sociedade máis xusta, próspera e inclusiva. Mais mercáronlle o discurso territorial á dereita, sen entender que a democracia só se pode construir sobre o respecto á liberdade das distintas nacións. A esquerda española careceu na Galicia dun discurso a respecto do medio rural ou dos problemas do mar, como tampouco a respecto da economía social, as pequenas empresas ou as diferentes bases económicas da actividade produtiva galega a respecto da española. Estas cuestións, que afectan aos problemas da xente común, foron esquecidas das axendas “progresistas”. Ao tempo, o autogoberno víase como angueira periférica pequenoburguesa e, no mellor dos casos, como cuestións secundarias.  O certo é que para un progresista español a cuestión nacional galega é secundaria, porque non se trata dun problema da súa nación. Unha auténtica esquerda federal pensaría en global, mais actuaría en local. Enchouparíase dos problemas e carácterísticas  do País para logo propór solucións reais e acaídas. Mais a lóxica centrípeta minimiza que o factor territorial é inseparábel do social. O fracaso das esquerdas non habería conlevar o fracaso de coalicións de cambio nas nacións do Estado. Mais o establishment progresista español non é quen a velo.
Lembro un misioneiro que nos quería aprender aos rapaces a cantar en swahili. Para él, coñecer esa lingua era un sinal de inculturación indispensábel para enfrontar a súa andaina na África. Nunca entendeu, en troques, que precisaría o galego para o seu ministerio en Galicia. 
Cos progres españois pásalles algo moi  semellante. 

Incapacidades das esquerdas españolas

Te puede interesar