sábado 5/12/20

A grave responsablidade do Xefe de Estado

rabúcase quen enxergue libre de culpa a Felipe de Borbón das resultas da devasa construída coa declaración do 15 de marzo último. Considerouse que a exclusión do Emérito do uso dos recursos públicos  da Casa Real (uns recursos que non foron retornados ao Erario Público, senón que foron redistribuídos para outras finalidades da mesma Casa) e maila renuncia de El Rei a respecto dos bens da futura herdanza do seu pai integrados na da Fundación Lucum (da que era segundo beneficiario o actual Xefe do Estado) salvaban do lume ao actual Monarca.
Mais o tempo pasou, o pesadelo da Covid-19 afrouxou un chisco e o problema seguía, con novas revelacións de feitos do Emérito incompatíbeis coa ética pública. A renuncia a unha herdanza futura non deixa de ser un aceno ao sol, absolutamente ineficaz en termos xurídicos. Os feitos coñecíanse por El Rei e polo Presidente do Goberno do Estado dende marzo de 2019, sen que fose informada a opinión pública. Houbo que agardar ao peor da pandemia para facelo. Por outra banda, dende o 15 de marzo van xa catro meses e medio e segue a  faltar unha declaración valente e definitiva. Malia a evidencia de que, polo menos, existiu fraude fiscal na conduta do seu pai  faltou un público requirimento a facer contas coa Facenda Pública e transferirlle o diñeiro que lle pertence á cidadanía e que tanto nos cumpría para enfrontarmos a pasada crise sanitaria.
Falta tamén un acordo entre a Casa Real e o Goberno do Estado para lle retirar a Juan carlos de Borbón o seu título de Rei (non Rei Emérito, como ás veces confunde moita xente), que ten atribuído por Decreto para o resto da súa vida, mais do que pode ser privado-por causas tan xustificadas como as existentes.
Mentres, a Casa Real desenvolve unha campaña de imaxe que afonda máis a divisoria entre a Coroa e a cidadanía. Nas súas recentes visitas a Poblet e Santiago de Compostela proxectouse a imaxe dun Rei pechado no hieratismo institucional, blindado pola policía e recibido só por poucas ducias de seareiros, que constituían, tanto en Catalunya como en Galicia, personaxes de fasquía e presenza exótica no contexto de cadansúas sociedades catalá e galega.  Os dispositivos de seguranza restrinxiron nas dúas (custosas) visitas a mobilidade cidadá e discriminaron o achegamento das distintas persoas en función das bandeiras que portaban: barra libre para a española e prohibición para as esteladas e estreleiras. Semella que, en ambos os dous casos, seguindo instrucións directas da Casa Real.
Ninguén poderá negar, chegado o momento, que o Xefe de Estado puido actuar doutro xeito. E que non soubo, non quixo ou non puido facelo. 

Comentarios