• Martes, 25 de Septiembre de 2018

Foi unha violación colectiva

Aplicar o Dereito Penal en democracia non é doado. Na dúbida cómpre resolver a prol do acusado e a prol do menor castigo.

Aplicar o Dereito Penal en democracia non é doado. Na dúbida cómpre resolver a prol do acusado e a prol do menor castigo. Non partillo a obsesión polas grandes penas, senón que prefiro que éstas sexan efectivas. Tampouco acredito nos linchamentos nin nas reformas lexislativas en quente e mesmo penso que éstas prexudican aos sectores sociais máis indefensos En realidade, se os feitos de Iruña-Pamplona fosen considerados violación a pena habería abanear entre 12 e 15 anos. Un substancial incremento do castigo, mais non onde moitas persoas quererían levalo.
Mais alén da extensión da pena importa máis a axeitada cualificación dos feitos axuizados. O acoso sexual convírtese en abuso sexual cando concorre violencia ou intimidación. Conceptos ben claros que non precisan de reformas lexislativa ningunha. A violencia é a “vis absoluta” do latín ou a “force” do inglés. Nos feitos de Iruña hai forza nas sucesivas suxeicións dos brazos e pernas da vítima para permitir os sucesivos actos de agresión. Mais, sobre todo, hai unha situación constante de intimidación. A intimidación é a ameaza de usar a forza (“threat of force” en inglés, “vis intimidatoria” en latín). Existe intimidación constante polo apartado do lugar, pola grande diferenza en número (5 a 1), idade e forza física e pola monopolio excluínte da decisión por parte do grupo. Pensemos cál sería a reacción deste no caso dunha negativa da vítima. Supoño que case todos somos quén a albiscala.
Na sentenza non fallou  a avaliación das probas para determinar os feitos probados. Fallou a cualificación xurídica, ao non ver os actos puntuais de forza e a intimidación constante. Velaí as altas posibilidades de que as apelacións das acusacións perante o Tribunal Superior de Navarra poidan obter claro éxito  e agravar as penas.
Porén, o feito deste grave erro cualificatorio demostra a necesidade de que os xuices que instrúan e axuizen esta caste de delictos acrediten formación abonda en cuestións de xénero e igualdade, como os xuices que actúen en Galicia haberían ter como obriga o coñecemento abondo da lingua e do Dereito do País. Velaí, agora si, unha reforma lexislativa inaprazábel.
Cuestión á marxe é o voto particular do presidente do Tribunal desta primeira instancia, que mesmo achega dúbidas racionais sobre a súa carencia sobrevida de actitudes e aptitudes para xulgar esta caste de comportamentos na sociedade de 2018.