A fin do Estado das Autonomías.

Aaplicación concreta por parte do Poder Central do artigo 155 da Constitución sobardou con moito o marco de intervención definido nese precepto para chegar a decisións abertamente inconstitucionais por anular radicalmente o autogoberno: cesamento do President e do Govern todo e secuestro da facultade presidencial de disolución do Parlament e convocatoria de novas eleccións autonómicas. Deste xeito, o Goberno do Estado propuxo e o Senado adoptou unha grave mutación constitucional moi grave. No futuro os Gobernos autonómicos poderán ser cesados e os Parlamentos autonómicos disolvidos.
Deste xeito, ráchase coa garantía constitucional da blindaxe das Institucións de autogoberno das nacionalidades do Estado español na súa autoorganización e funcionamento. Sabíamos xa que o ámbito competencial do autogoberno non estaba blindado e que foi continuamente baleirado estes anos con profusa lexislación recentralizadora. Mais agora recondúcese o dereito á autonomía política a unha mera descentralización administrativa. A autonomía política de Galicia ou Catalunya xa non é sagrada en termos constitucionais. Agora é unha mera concesión outorgada.
Como pasou coa reforma do artigo 135 (que priorizou o pagamento da débeda pública sobre o financiamento da sanidade, a educación e demáis servizos públicos) outravolta o bipartidismo dinástico (agora feito tripartito coa inestimábel achega de Cs) rachou coas regras de xogo.
Porque o que pasou cos esta aplicación do artigo 155 afecta substancialmente ao dereito á autonomía das nacionalidades do artigo 2 da Constitución. Desaparece, de feito, a garantía da autonomía recoñecida nese artigo.
As forzas unionistas veñen de aprobar unha mutación constitucional fundamental sen abrir melón ningún. O Estado das Autonomías morreu xa. Non sabemos o que virá, mais polo de agora semella que imos cara unha recentralización e renacionalización española moi potentes, moi pouco diluídas en formas de descentralización puramente administrativa.

Nin rebelión nin sedición
O Fiscal Xeral do Estado vaise querelar contra Puigdemont por un presunto delicto de rebelión pola votación de independencia do venres. Mais falta en todo caso o elemento da violencia que define este delicto e o de sedición no noso Código Penal. O grave é que o reprobado Fiscal Xeral Maza sábeo.

A fin do Estado das Autonomías.

Te puede interesar