Filgueira Valverde

Xosé Filgueira Valverde, a quen conmemoramos no vindeiro  Día das Letras Galegas, é unha figura cultural de primeira orde que sería, con xustiza, o orgulo de calquera país europeo. As súas achegas a diversas ponlas da nosa cultura son dun valor innegábel. Malia que, quizais, sexa responsábel por omisión de ter agachado Castelao no Museo de Pontevedra, a pesares de contar con tanta obra do noso Daniel.
Canto ao seu labor político, Filgueira foi fídel ao seu conservadurismo fundando Dereita Galeguista no 1935. Un partido que podería ter desenvolvido un rol fundamental na República para atraer aos sectores católicos do País, ao xeito da Uniò catalá do mártir Carrasco Formiguera. De feito, o abraiante trunfo do Si e máis a alta participación do referéndum do Estatuto galego do 28 de xuño do 1936 quizais non se poida entender sen a colaboración da Dereita Galeguista, que mesmo chegou neutralizar o pulo centralista doutras dereitas.
Agora ben, o que si resulta incompatíbel con todos os parámetros éticos da democracia europea é a súa participación activa no franquismo, chegando ser alcalde de Pontevedra e procurador nas Cortes da Ditadura nos 50 e 60 do século pasado. Porque esta actuación non constituía esixencia ningunha do seu conservadurismo nin da súa catolicidade e si unha plena integración consciente no aparello institucional dun Réxime ilexítimo e opresor, baseado na prolongación da loita civil e na liquidación ou invisibilización do inimigo.
Abondan os exemplos de milleiros de persoas que, dende os supostos parámetros ideolóxicos de Filgueira, rexeitaron cargos no franquismo. Tolerarmos eticamente  a súa participación política canda o xeneral Franco é incríbel dende a óptica de calquera europeo demócrata.
Podemos, pois, recoñecer os grandísimos méritos culturais do pontevedrés e a súa achega sobranceira ao noso acervo cultural. E mesmo conmemoralos sen restricións. Mais sen esquecer que, canda Heidegger, Carl Schmitt ou Marinetti, o seu activismo político durante o franquismo é incompatíbel coa ética democrática e non terá perdón de Deus por moito tempo que pase.

Filgueira Valverde

Te puede interesar