ESPAÑA: NIN PROXECTO NIN IDENTIDADE

AEspaña da transición batía récords de paro e aturaba un sistema fiscal inxusto e uns equipamentos e renda per cápita moi inferiores á media europea. As desigualdades eran ferintes e o acceso aos servizos públicos deficiente. Porén, existía un proxecto común, alicerzado na estrea das liberdades, na integración europea, na superación da crise económica e no común degoiro no acceso xeralizado á educación e aos demáis servizos públicos. Os españois descobriron horizontes máis anchos e percorreron un treito no que atinxe ao recoñecemento dos dereitos da muller e das persoas homosexuais. Mesmo semellaba que os españois ían abrirse a outras culturas, principiando polas culturas nacionais catalá, vasca e galega coas que coexistían.
Foi éste un periodo que rematou por volta da crise do 1992-1993, da que España sairía en 5 ou 6 anos con non poucos sacrificios e damnificados. Entre eles a vinculación dos sectores regulados privatizados por Aznar e González coas elites madrileñas. A maioría absoluta do PP representou unha volta á España única e cañí, malia que coa fachenda da “España va bien”.
Velaí que, asulagada España na grande recesión e nunha fonda crise institucional, no se advirten os bimbios para enfrontar un proxecto común, porque non hai unha diagnose común dos problemas. Mesmo nin existe consenso a respecto das reformas fiscais a desenvolver ou da diagnose sobre os efectos das actuais desinsdustrialización e emigración das xeracións novas e estudadas.
Estes anos non construiron unha identidade común española que trascendera daquela España uniforme, taurina e cañí dos 60 do século pasado. É verdade que temos unha parte da historia común e partillamos importantísimos vencellos. Mais u-la identidade moderna e plural que se poida chamar a identidade española do século XXI? U-la identidade española pluricultural e plurilingüística, superadora de elementos que só son de parte, coma os touros, o Madrid ou a mentalidade de turismo de sol e praia? Hoxendía España está falta de proxecto e de relato. E tamén dunha identidade plural e moderna común.

ESPAÑA: NIN PROXECTO NIN IDENTIDADE

Te puede interesar