Diversos, pero iguais

ALei electoral xeral (1986) dispón que poidan votar as persoas declaradas incapaces por sentenza definitiva, agás que na propia sentenza se determine expresamente a privación deste dereito electoral. O Código Civil (1983) dí que deben ser declaradas xudicialmente incapaces as persoas que padezan unha doenza psíquica ou física que lles permita valerse por si propios. Mais o grao de afectación da capacidade determinada na sentenza e as funcións das persoas que substitúan ou complementen a capacidade das persoas afectadas é absolutamente flexíbel e depende de cada caso.
Quere isto dicir que as bases legais son abondas. O que cómpre é mellorar substancialmente determinadas decisións xudiciais, no senso de restrinxir só o dereito de sufraxio en casos moi extremos, a respecto de persoas privadas de toda capacidade de aprendizaxe e socialización. Quen pode facer un testamento, cursar estudos regrados ou desenvolver unha ocupación laboral ha poder votar. Unha persoa aqueixada dunha diversidade funcional psíquica non ten porque someterse a un exame xudicial que non pasaría a metade do censo electoral.
Velaí a necesidade de que as familias (como está a facer a de Mara) e os Fiscais que poden promover a declaración xudicial de incapacitación esixan que ésta sexa un traxe personalizado, salvando, non só o dereito de voto, senón todas as facultades xurídicas que non cumpra limitar para protexer ao afectado (autonomía nas relacións sociais e personais, autonomía na administración de recursos domésticos…). A sentenza xudicial de incapacitación decídese para protexer á persoa atinxida e ten que respectar a súa dignidade e intimidade.
Porén, a clave deste debate son as políticas de inclusión social das persoas con discapacidades psíquicas. Persoas diversas en capacidades, mais que han ser iguais en dereitos. E esta igualdade esixe unha política de integración educativa, social e laboral ben dotada de recursos. Os mesmos recursos que foron substancialmenrte recurtados polo Goberno Feijóo na Grande Depresión, con actuacións como o peche indirecto dos Centros especiais de Emprego de Aspanas en Ourense.

Diversos, pero iguais

Te puede interesar