A deconstrución da xustiza

Aaxenda que está a desenvolver Gallardón dende o Ministerio de Xustiza constitúe a comprobación de que as decisións do PP teñen unha fonda carga ideolóxica, moitas veces contraria aos intereses da maioría dos seus militantes e votantes.
No caso da administración de xustiza, a implantación das abusivas taxas ten afastado á cidadanía do exercicio das accións xudiciais. Apelar unha sentenza custa un mínimo de 800 € e recorrer unha multa un mínimo de 350 €. Os beneficiarios da xustiza gratuíta non pagan taxas, mais a normativa vixente fai cada vez máis díficil obter este beneficio. Os bancos e as grandes corporacións son as beneficiarias, non só porque haberá máis medios para os seus preitos, senón porque afastar a xustiza do cidadán fai que se demande menos en reclamación da nulidade das cláusulas adoito, comisións bancarias, tarifas enerxéticas e abusos en materia de consumo.
Por outra banda, a proposta de nova regulación do Poder Xudicial tenta calar xuices e maxistrados e cuestiona a súa independencia. E a concentración dos xulgados e  tribunais nas capitais provinciais afonda nese afastamento da xustiza do cidadán, en clara avantaxe para os grandes bufetes. Porque a este Goberno e a este ministro moléstanlle os profesionais liberais.
No caso de Galicia, a Xunta ten investido nos últimos 15 anos 50 M€ en sedes xudiciais. Os xulgados das vilas, canda a notaría, o Rexistro da Propiedade ou a oficina comarcal da Xunta, fan parte esencial deses servizos comarcais que vertebran o territorio. Xa que logo, suprimir os partidos xudiciais non só reduce a calidade do servizo público da xustiza, senón que manca as posibilidades de desenvolvemento social e económico das nosas vilas. A provincia no noso país non pinta nada e compre pensar en suprimila.
Demostra este proceso que a planta e demarcación xudicial, canda as grandes decisións no eido da administración de xustiza, son abondo importantes como para llelas deixar ao coidado dos de Madrid. Galicia habería ter moi axiña competencias xudiciais plenas para amañarmos estas trapalladas.

A deconstrución da xustiza

Te puede interesar