A culpa foi do maquinista

OXulgado de Instrución nº 3 de Compostela ven de rematar a instrución do accidente de Angrois, considerando única persoa presuntamente responsábel do sinistro ao maquinista do tren. O xuiz  rexeitou novas probas propostas polas acusacións das vítimas, pechando a posibilidade de acusar terceiras persoas.
   Porén, a realidade é que un dos tres peritos xudiciais, César Mariñas, concluiu que este accidente non tería ocorrido se o tren levara equipado o sistema ERTMS, obrigatorio na alta velocidade española. E non o levaba equipado por mor dunha autorización provisional de ADIF do 23 de xuño do 2012, trece meses anterior ao accidente, que non foi acompañada por ningunha medida complementaria ou de reforzo da seguranza. O día do sinistro os viaxeiros do 0730 Alvia eran os únicos usuarios de AVE no  Estado que dependían do maquinista. Os demáis doutras liñas atopábanse baixo a automatizada protección do ERTMS.
     Mais outro dos peritos xudiciais recoñeceu tamén a mala sinalización da perigosa curva d’A Grandeira, pertencente ao antigo tracexado. Cuestión que xa fora advertida polos servizos territoriais da operadora RENFE en decembro de 2011, poucos días despois de que o ministro Blanco abrise oficialmente este tren, a piques xa de cesar como ministro.
     En realidade, dous dos peritos (o enxeñeiro industrial e o civil) son funcionarios da Xunta e substituiron aos anteriores peritos xudiciais aplicando o Regulamento galego da xustiza gratuíta que non prevía o caso concreto.. O nomeamento destes dous peritos acordouse a requirimento xudicial, polo Departamento do vicepresidente Rueda.
  Esta resolución xudicial só pode ser revisada pola Sección 6ª da Audiencia con sede en Compostela. Sección que xa retirou a imputación dos directivos de ADIF acordada polo anterior xuiz Alaez. Mais no mesmo auto no que acordou esta “desimputación”, a Audiencia advertiu que os directivos de ADIF poderían seren imputados outravolta se existisen indicios racionais da súa responsabilidade. E os expertos técnicos e xurídicos opinan maioritariamente que o ditame pericial de Mariñas, emitido posteriormente, demostra a grave responsabilidade de ADIF.
 Velaí que a cidadanía e as vítimas, acredoras dunha pescuda a xeito e dun xuizo xusto, agarden por esta última posibilidade, que habería reconcilialas coa fe na Xustiza.    

A culpa foi do maquinista

Te puede interesar