As contas do centralismo

Sempre que o Goberno central quitou a súa información sobre as chamadas balanzas fiscais, Galicia resultou suposta beneficiaria da solidariedade do Estado, avaliándose até en 3500 M€ a diferenza ao noso favor entre o supostamente recadado e o recibido. Claro é que as contas do centralismo son parte dos moitos contos ou ladaíñas que retransmiten os voceiros do centralismo. E levan trampa. En primeiro lugar, contabilizan a Seguridade Social contributiva, que non é cuestión de territorios, senón de persoas cotizantes. Eu gaño o meu dereito á pensión contributiva e á contía da mesma independentemente de onde cotizase. Tamén está a trampa do método de contabilización chamado carga/beneficio, que contabiliza como gastados e/ou investidos en Galicia o 5,4% dos orzamentos de Defensa, RTVE Casa Real, ministerios, cando a inmensa maioría destes gastos. Ou nos atribúe o 7% da débeda pública estatal, cando só somos o 5,4% da súa poboación. A quen beneficia o gasto burocrático na súa maioría? Acertaron, á área de Madrid, que é onde se cobran os soldos e se fai o gasto.
Se empregamos a metodoloxía que os economistas máis neutrais xulgan de aplicación, resulta que no 2015 o Estado recadará uns 12.400 a 12.500 M€ na Galicia dos que a Xunta empregará uns 9.000 M€ nos seus orzamentos. Algúen pensa que os servizos que presta o  Estado na Galicia acaden o valor de 3.400 M €/ano? Por outra banda, os nosos concellos receben só o 3% dos 17.600 M€ que o Estado destina ás transferencias a entidades locais. É dicir, que se nos quitan 500 M€ sobre o 5,4% que por poboación nos correspondería. Por qué? Porque o Estado financia os servizos dos concellos só tendo en conta a poboación, non o seu avellentamento ou espallamento. Solidariedade con Galicia? Confórmome de entrada con que nos paguen o que deben. Que poñan eses 500 M€/ano adicionais e que transfiran á Xunta as competencias para distribuir eses fondos de cooperación local, como cumpriría en calquera Estado descentralizado.
As contas do centralismo, amáis de se basear nuns dados opacos, constitúen un insulto á nosa intelixencia. E que nos alcumen de parvos, sen nos recoñecer o que nos pertence e aínda vendéndonos o favor, sobarda os límites do aturábel na democracia.

As contas do centralismo

Te puede interesar