Castro na historia

Oréxime castrista (certamente unha ditadura) non pode ser comparado, nin na súa xénese nin na súa evolución, cos réximes represivos de Pinochet, Videla ou Franco, que xurden de cadanseus golpes militares contra a legalidade constitucional. Nin tampouco coa revolución bolxevique de Lenin, que constituiu un golpe violento dunha minoría contra o goberno constitucional ruso. Calquera destes réximes baseouse nunha represión sanguiñenta, no que os mortos se contan por ducias de millares, xa que o que se pretende é a aniquilación do adversario. Ninguén pode negar que no castrismo non houbera represión, mais os níveis represivos non admiten comparanza ningunha.
Porén, se Castro entrou na historia foi polo xorne popular e interclasista da súa revolución, desenvolvida fronte a ditadura sanguiñenta de Batista, só apoiada pola mafia do xogo e polos terratenentes do azucre. O movemento dos barbudos, como a Fronte Sandinista na Nicaragua do 1979, foi quén de xuntar unha coalición de clases medias e populares e elementos intelectuais fronte un ditador que só resiste pola violencia. Ben é verdade que Castro prometera no 1959 unhas eleccións libres que nunca convocou, coa xustificación da invasión norteamericana de Playa Girón no 1961. Esta agresión norteamericana obrígalle ao réxime castrista a xogar a tope a carta da URSS como aliado. Castro, entón, enfrontou a tarefa de construir o seu modelo colectivista e esqueceu o pluralismo.
No 1959 Cuba era un país con certo grao de desenvolvemento que excluía na miseria a un terzo da poboación e onde os analfabetos contábanse por millóns. A revolución castrista acadou uns níveis sanitarios e educativos propios de Occidente, malia o bloqueo sofrido, nomeadamente intenso dende 1990 por mor da caída da URSS. E, malia os efectos deste bloqueo, acadou que as clases populares desfrutasen, no conxunto destes 57 anos, dun nível de vida superior ao destes estratos sociais no resto do Caribe e Mesoamérica.
O bloqueo USA blindou toda evolución posíbel do castrismo. Agora o arquivamento da apertura de Obama polo novo presidente Trump pode frustrar unha eventual evolución democrática, desexada tamén por millóns de cubanos que hoxe choran a Castro.

Castro na historia

Te puede interesar