• Miércoles, 17 de Octubre de 2018

Carta dende Galicia a tres presos políticos

honorables senyores Joaquim Forn, Josep Rull e Jordi Turull

honorables senyores Joaquim Forn, Josep Rull e Jordi Turull. Centre Penitenciari de Lledoners. St. Joan de Vilatorrada (Catalunya).
Galicia, agosto de 2018.
Sempre é difícil escrebir dende o desfrute da vida en liberdade ás persoas que ven pasar os dias na gris rotina do cárcere. Mais a tarefa faise moito máis difícil dende a lembranza do ilexítimo proceso político e xudicial que deu no voso actual prendemento e procesamento, canda a presidenta Carme Forcadell, os Jordis e outras persoas compañeiras de Govern. Sodes os tres xuristas. Coñecedes, xa que logo, que os principais fitos da reacción contra o procès dos Poderes Públicos españois están viciadas de manifesta ilegalidade. En primeiro lugar, o voso cesamento como conselleiros, canda o President Puigdemont e o Govern todo e a disolución do Parlament en inconstitucional aplicación do 155. Sabíades que ese 155 daba legalmente, canto máis, para suspender o exercicio dalgunha competencia, nunca para suspender o autogoberno. Velaí a vosa lexitimidade como conselleiros até que as vosas demisións deron cabo ao voso mandato.
Porén, conseller Forn, malia ser consciente da ilegalidade do teu cesamento por mor do 155, axiña que èste foi efectivo cumpriches a decisión do Govern e despedícheste da Policía de Catalunya que lle demostrou ao mundo que as Institucións catalás sabíades enfrontar unha crise como a dos asasinatos terroristas do 17-A como unha nación madura. Algo que semella que boa parte do establishment español non che perdoa.
Tamèn sodes conscientes que o Tribunal que vos está a axulgar non é competente, porque a competencia perténcelle ao Superior de Catalunya. Que non se vos pode imputar ningunha caste de delicto de rebelión nin sedición e que a acusación e a prisión actuais constitúen nidia aplicación do Dereito Penal do Inimigo, incompatíbel co Estado de Dereito propio das democracias europeas. Estades, pois, presos pola vosa acción política. Unha acción que para algúns pode ser cuestionábel, mais que sempre desenvolvestes de xeito pacífico. Sodes, pois, presos políticos. Enfrontades un sacrificio persoal, familiar, económico…de moi alta magnitude dende a dignidade de non ceder á (i) lóxica dos vosos acusadores (onde por propia escolla situouse o Maxistrado instrutor, sr. Llarena) e dende a humildade de considerar a vosa achega como parte dun traballo de país.
Como avogado e xurista, como demócrata e cidadán galego o meu recoñecemento e a miña solidariedade. A miña máis cordial aperta.