As bágoas de Fernando Vázquez

Cando Fernando Vázquez choraba este sábado no banco deportivista, logo de acadar o ascenso da equipa á División de honra, moitos partillamos a súa ledicia e a súa emoción. Porque o ascenso do Depor a Primeira supón para a cidade e a área urbana e, tamén, para toda Galicia unha grande oportunidade. Ao suceso deportivo engádeselle o negocio que xerará para a hostalería e outros sectores empresariais o fútbol de primeira e máis a viabilización do convenio concursal de acredores e o extraconcursal coa Axencia Tributaria. O Dépor poderá pagar as súas débedas, entre elas a que ten co Fisco. Unha tempada máis na Segunda e a liquidación do clube tería sido case inevitábel. O que deixaría á Facenda pública sen cobrar.
Sucede tamén que este fito ocorre no quinto mes de xestión do novo Consello de Administración que preside Tino Fernández, despois de case vinte e sete anos de mandato de Lendoiro, sinalado por moitos éxitos deportivos, impensábeis no 1992 e hoxe, mais tamén por unha xestión económica escura, que xerou unha débeda astronómica. Algo que non é privativo, dende logo, do Dépor, pero que non xustifica a executoria empresarial lendoirista. O Dépor volta a Primeira e isto é un grande reforzo para a nova equipa reitora. Malia que a contratación de Vázquez fose o derradeiro dos acertos de Lendoiro.   
E, están as imaxes dun galego que exerce de selo, Fernando Vázquez, amosando a súa humanidade a xeito de bágoas e carreiras pola banda de Riazor. Dun galego que soubo xerar dinámica de equipa, mailos seus altos e baixos e que soubo reconciliar xogadores e afeccionados. Dun home rigoroso na metodoloxía, mais cheo de corazón e intelixencia emocional.
No fútbol, petado de adestradores estrelas e egos desmedidos, Vázquez demostrou que a humildade non é incompatíbel coa teimudez nos obxectivos e que o traballo ben feito non precisa de poses. E non houbo que ir fíchalo a Barcelona, Madrid, Londres nin Lisboa. Vázquez é un profesional galego que traballa como os mellores de fóra.

As bágoas de Fernando Vázquez

Te puede interesar