ALBERT RIVERA E GALICIA

Ven de presentar Albert Rivera as súas propostas de reforma constitucional: supresión do Senado e asignación das súas competencias a unha Conferencia de Presidentes Autonómicos que terían voto ponderado dacordo con cadansúa poboación e con competencias no financiamento autonómico, supresión do Consello Xeral do Poder Xudicial e asignación das súas competencias ao Presidente do Tribunal Supremo, reforma electoral, redución das competencias autonòmicas e derrogación da cláusula que permite transferirlle ás autonomías competencias exclusivas do Estado, supresión das Deputacións e redución á coarta parte dos concello.
As propostas do Rivera son claramente agresivas para Galicia. Na Conferencia de Presidentes Galicia só tería o 6% dos votos. Serían, pois, andaluces, madrileños e, quizais, cataláns os que resolverían as cuestiòns territoriais dacordo cos seus intereses. Galicia non tería posibilidades de acadar un sistema de financiamento xusto e automático que pondere con xustiza o avellentamento e espallamento da nosa poboación.
A supresión do 75% dos concellos é unha medida desenfocada. O que precisa o mapa local galego é  consorciar os servizos locais, para poder prestalos a xeito. Os concellos e os concelleiros cumpren unha función de aproximación das Administracións locais ao territorio que na Galicia, coa metade dos núcleos de poboación do Estado, resulta imprescindíbel. 
En realidade, o erro de Albert Rivera é querer resolver o mapa local dende o Estado no canto de internalizar o réxime local a prol das autonomías, para que cada unha defina o que lle compre a cada un.
O sistema electoral proposto por Rivera penalizaría inxustamente as forzas de ámbito galego, ao esixir un mínimo do 3% no Estado para obter deputados. Esta reforma impediría, “de facto”, que as forzas galegas tivesen representación no Congreso.
Galicia repousa sobre uns alicerces económicos que para o Estado son totalmente prescindíbeis. Velaí a vinculación entre autogoberno e benestar. Se  o sr. Rivera leva adiante o seu programa de reformas, os partidos galegos non terán representación no Congreso, os intereses de Galicia non serán respectados na Conferencia de Presidentes e o seu autogoberno limitariase substancialmente. Galicia será máis pobre e dependente.
 

ALBERT RIVERA E GALICIA

Te puede interesar