• Sábado, 22 de Septiembre de 2018

Aínda hai xuices en Berlín

o maxistrado Llarena activou a euroorde de detención

o maxistrado Llarena activou a euroorde de detención contra Puigdemont e os membros exiliados do seu Govern. Xa que logo, a policía alemá executou o seu arresto que un xuiz haberá de ratificar ou deixar sen efecto. En calquera caso, se Puigdemont rexeita a súa entrega ao Tribunal Supremo reclamante, será a xustiza de Schleswig-Holstein a que decida se cómpre executar a extradición ou non, no prazo máximo dos sesenta días determinado pola Decisión-Marco do Consello da UE do 2002 .
A Alemaña castiga condutas semellantes ao delicto de rebelión español. O artigo 81 do seu Código Penal castiga entre dez anos e vinte e cinco anos (efectivos) os delictos de alta traición contra a República Federal e entre un e dez anos os delictos de alta traición menores. O artigo 83 castiga tamén os actos preparatorios destes delictos. Velaí que algúns opinadores urxentes salientasen a diferenza entre os réximes penais alemán e belga, en claro prexuizo do President catalán.
Claro é que a lei alemá, canda a española dende 1995, esixe para que exista alta traición quer violencia, quer intimidación (“force” ou “threat of force”, na tradución inglesa oficial do Ministerio federal de Xustiza). Ou sexa, que os avogados de Puigdemont perante a xustiza alemá poderán combater o relato da interlocutoria de procesamento de Llarena, emitida o venres.
Porque a resolución xudicial emitida o venres último polo Tribunal Supremo ( que acordou o procesamento de trece políticos cataláns por delicto de rebelión), non xustificou de xeito ningún a existencia nin de violencia nin de intimidación nas condutas desenvolvidas polos distintos axentes polñiticos e sociais do procès. Neste senso, Llarena considera que ese requisito de violencia cúmprese coa actitude dos manifestantes do 1-O, cando Europa e o mundo todo puidemos ver que a única violencia dese día foi determinada violencia policial.
Na Alemaña tanto a xustiza estatal de Schleswig- Holstein como a xustiza federal son independentes e interpretarán a xeito os conceptos de violencia e intimidación. Nunhas semanas veremos si Llarena recebe a primeira censura á súa imaxinación á hora de crear delictos de rebelión inexistentes. Porque aínda hai xuices en Kiel. Aínda hai xuices en Berlin.