Miércoles 21.11.2018

A solución federal

Estado autonómico está esgotado pola continua recentralización

 

Estado autonómico está esgotado pola continua recentralización dos últimos dezaoito anos, agravada pola implosión do 155. Precisamos dunha solución federal, máis na liña da pluralidade e asimetría, canadiana, australiana, suiza ou USA  ca na liña do federalismo cooperativo alemán.
Esta solución federal ten de acoller a plurinacionalidade española, a mesma que recoñecen teóricamente, en maior ou menor grao, os 180 deputados que investiron Pedro Sánchez. O que implica a súa esencial asimetría e a introdución na gobernanza española de elementos confederais, de áreas absolutamente exentas da máis lene intervención  do Estado central. Estas áreas han ser as políticas lingúísticas (para garantirmos a  igualdade real do galego, catalán e euskera co  castelán que hoxe non existe), culturais e educativas, o Dereito Civil e máis a organización territorial e réxime local.
Nas políticas económicas e sociais as Administracións hoxe autonómicas e as locais han monopolizar a xestión e a execución, constituíndo a Administración única. No caso de Galicia é esencial o traspaso dos portos e aeroportos hoxe de interese xeral, das autoestradas AP-9 e AP-53 e da rede viaria e ferroviaria toda. O Estado ha de se centrar só en determinadas políticas comúns, resignando progresivamente as de defensa e diplomáticas na Unión Europea.
Este federalismo ha ser competitivo. A progresiva transferencia da recadación fiscal é inevitábel O Estado habería garantir a nivelación básica dos distintos servizos, mais o autogoberno dos distintos territorio sería real e súa a decisión dos servizos que escollen para dotarlles dunha calidade superior á media. A concorrencia entre territorios haberá minorar a tendencia á  recentralización económica que levou á comunidade autònoma de Madrid a un PIB do 139% estatal dende un 113% no 1980, amosando o fracaso redistributivo do Estado autonómico.
É verdade que a maioría absoluta do PP no Senado e máis a oposición do deep state que vertebra a Coroa e inspira o capitalismo castizo do BOE dos sectores regulados do IBEX 35 dificultan moi grandemente esta precisa evolución xurídico-política. Mais o mero feito de prantexarmos e debatermos esta caste de solucións no canto das choromicadas dependentistas do PPdeG ou dos extremismos neocentralistas de Vox ou Ciudadanos suporá xa un avance. 

 

A solución federal
Comentarios