• Miércoles, 19 de Septiembre de 2018

A minoría supremacista

Hablamos Español fracasou nas súas convocatorias de agosto

Hablamos Español fracasou nas súas convocatorias de agosto, malia escoller datas de feiras en localidades con moitos turistas do resto do Estado: Sanxenxo, Baiona e Compostela. Mesmo entraron en conflito con elementos salientábeis do PPdeG, como o alcalde de Sanxenxo. De certo que a súa mensaxe ríspida, nin empática nin simpática, de brancos e negros, confronta de máis cos grises e relativismos galegos,  coa tolerancia, a amabilidade e a cordialidade que adoitan rexer asrelacións interpersoais  neste país atlántico.
Dirán moitos de vostedes que non paga a pena escrebir a respecto desta xente. Que viven fóra da centralidade, son moi curta minoría e non representan case a ninguén. Isto  é verdade, mais só se atendemos á realidade social de Galicia. Porque esta corrente,  reducida  e radicalizada, conecta con amplas capas da poboación nos territorios unilingües do Estado. Conecta con ese “mainstream” supremacista español que marca a axenda política da dereita española e na que se insiren os líderes de Cs e PP, Albert Rivera e Pablo Casado, canda os extremistas de Vox.
O discurso de Hablamos Español é a negación da realidade. O problema na Galicia non o ten o omnipresente castelán, senón a nosa lingua propia, vetada en máis da metade do sistema educativo e moi minorizada nas Admnistracións do Estado e de Xustiza, na empresa, na publicidade e nos media. O discurso de Hablamos Español, como o do seu fundador, Galicia Bilingüe, proxecta unha realidade deturpada  onde o opresor transfórmase en oprimido.
Esta mensaxe non pretende ser maioritaria na sociedade galega, mais si cohesionar e alargar unha minoría moi influínte, que marque a axenda política, que impida de feito a oficialidade do galego, a vitalidade da nosa cultura, o desenvolvemento da nosa economía e a restauración da nosa autoestima. Quere dividir á sociedade galega e presentar aos que defenden os nosos dereitos e intereses  como o que son eles, como sectarios, intolerantes e pouco empáticos. Queren pór o mundo ao revés e que as súas teses supremacistas pasen por ideas razonábeis.
Fronte esta mensaxe de división, de exclusión do que é noso e de minorización dos nosos dereitos e intereses cómpre opór unha mensaxe en positivo, transversal,incluínte e pedagóxica que, porén, non lles pase unha no ámbito do debate das ideas e na definición da axenda política.