Bolsas comedor: solucións, non leccións

Este ano o goberno local deu 441 bolsas comedor menos que o ano pasado, denegando unha de cada catro solicitudes por falta de documentación nas solicitudes. Unha frase sinxela, pero que di moito. Di que hai 441 nenas e nenos que no curso anterior tiveron garantida a alimentación na escola e que agora non a teñen. Di que houbo responsables da área de Servizos Sociais que non se preocuparon de quen solicitaba esas axudas e se limitaron a denegalas. Di que a burocracia se impuxo aos dereitos sociais.

As leis están para cumprirse, por suposto. Pero teñen que cumprirse cos ollos abertos. O ano pasado, coas mesmas leis e as mesmas esixencias, o goberno da Marea Atlántica tomou a iniciativa e asesorou as persoas solicitantes para resolver os problemas. Porque a burocracia non pode ser unha escusa para recortar dereitos. E porque ter ou non unha bolsa comedor, para moitas familias, supón unha importantísima diferenza.

Nalgúns casos é a diferenza entre ter ou non actividades extraescolares, mellorando o acceso á educación das nenas e nenos, e avanzando cara á igualdade de oportunidades. Noutros casos é a diferenza entre ter ou non unha boa alimentación na infancia. Porque si, hai familias, e non poucas, que precisan do comedor escolar para garantir unha comida diaria. Por iso no anterior mandato creamos tamén un programa para posibilitar que as menores con máis dificultades mantivesen unha correcta alimentación tamén nos períodos non lectivos. O ano pasado, ese programa tivo case 450 beneficiarias.

É a diferenza entre acompañar a quen o precisa ou obrigar as persoas máis vulnerables a superar outra carreira de obstáculos. Desde logo, nin a alcaldesa nin a concelleira de Benestar Social amosaron demasiada empatía na última semana. Non se pode, nunha situación coma esta, que se suma ao atraso no pagamento da Renda Social Municipal e as Axudas de Emerxencia Social, botarlle a culpa ao exceso de solicitudes ou á incapacidade da xente. Tería sido máis proveitoso, e moito máis responsable, centrarse en falar coas ANPAS e coas familias afectadas. Gobernar é ofrecer solucións, non dar leccións.

Durante os últimos catro anos, o goberno da Marea Atlántica duplicou o compromiso coas bolsas comedor. As cifras falan soas: en 2015, cando marchou o PP, o Concello destinaba 700.000 euros a estas axudas, que só cubrían as necesidades de 955 nenas e nenos. En 2018, investimos 1,5 millóns de euros e outorgamos 1.641 bolsas, porque a atención á infancia sempre foi unha das nosas prioridades.

O próximo martes, na Comisión de Benestar Social, pediremos unha vez máis explicacións, como xa fixemos cando o goberno municipal deixou de pagar a Renda Social Municipal, outra evidencia de que as cousas en Servizos Sociais non van como deberían. E ofreceremos de novo a colaboración da Marea Atlántica. Foron as nosas denuncias as que moveron ao goberno a facer un modificativo de crédito para facerlle fronte aos atrasos no pago da Renda, e foron os nosos votos os que permitiron aprobalo no pleno. Nas bolsas comedor tamén o imos facer. Cando se trata de persoas e dos seus dereitos, seremos sempre parte da solución.

Bolsas comedor: solucións, non leccións

Te puede interesar