O “HOXE” DE LUÍS EMILIO BATALLÁN

Foi en 1975 cando unha canción revoloteó coas do folk-pop polo panorama musical galego e foi pousarse nese niño onde se refuxian as obras perdurables ao resgardo das inclemencias do esquecemento. Por entón Luís Emilio Batallán anunciaba a chegada da “primavera” cun álbum, “Aí ven ou maio”, que foi unha brisa que diluíu coa súa frescura poética os escuros nuboeiros dunha situación social e política que a maioría dos cantantes galegos tentaban despexar con textos combativos.
Pasaron os anos e Batallán na súa intención de “pasar a folla do éxito” que o vento lle trouxo hai 40 anos, quere sacarse de encima a “laxa” do seu impactante debut, que o “perseguiu” ao longo da súa irregular carreira artística compartida coa súa profesión de médico rural: “Eu non son só ‘Aí ven ou maio’, son máis que iso e quero que se coñeza este disco para deixar de falar de ‘Aí ven ou maio’”.
E para que se coñeza o seu último disco “Había que chegar”, nada mellor  que ofrecelo en directo nunha  longa xira de concertos. Xira que agora chegará ao centro sociocultural Afundación da Coruña, onde presentará o próximo día 20, ás 20.00 horas, ese traballo que inclúe cancións nas que moitas das letras están escritas polo propio Batallán –aínda que  sempre se confesou máis músico que letrista– soan próximas ao jazz e mesmo ao blues. Por iso é polo que o seu autor presente este novo traballo como “un disco pop, non un disco folk” para camiñar por novos horizontes musicais achegándose a ritmos latinos, melodías tribais, jazz e blues.
“Había que chegar” colle o nome dun bonito texto da poeta María Mariño, ao que Batallán imprime a súa habilidade na musicalización de poemas do mesmo xeito que noutros poemas de grandes referentes da literatura galega como Rosalía de Castro, no seu novo disco incorpora o tema “Adeus ríos, adeus fontes”, “Quen puidera namorala”, baseado no poema “No niño no voo do vento”, entre outros.
De novo Luís Emilio Batallan en escena cun traballo máis íntimo, máis coidado e máis persoal, para continuar completando a súa traxectoria musical: “Cumprín o meu ciclo como médico e agora quero facer iso que nunca fixen, dedicarme á música, e creo que teño un bo repertorio para facelo”.

O “HOXE” DE LUÍS EMILIO BATALLÁN

Te puede interesar