Alemaña, eleccións de continuidade

En poucos días vanse celebrar as eleccións en Alemaña, e todas as enquisas reflicten que o partido de Merkel acadará un maior respaldo que hai catro anos, e será votado polo 38% ou 41% do electorado. Tamén medraría algo o Partido Socialdemócrata a costa  dun importante recuar dos liberais (que forman parte do actual Goberno), e Die Linke (A esquerda) faríao por un lixeiro retroceso dos verdes. Dende o principal partido do Goberno alemán (CDU) e máis o primeiro da oposición (PSD) xa se valora unha coalición entre ambas forzas como a que se pactou durante a lexislatura 2005-2009.
Non sería moi difícil acadar este acordo político, que parecería contra natura noutras partes do mundo, porque aínda habendo diferenzas nalgunhas cuestións sociais e sobre como tratar o tema da crise, teñen máis peso no discurso que na práctica. E, en aspectos tan básicos como a globalización neoliberal, a OTAN, e a alianza cos Estados Unidos, existe unha coincidencia total.
Dicía que as diverxencias non son tan grandes no social, porque nun tema esencial, como son as condicións laborais, o maior recuar deuse durante o Goberno de Schröder, o gran inventor dos mini-jobs. Polo tanto, a proposta dun salario mínimo por hora traballada que agora fai o PSD, para evitar os salarios de miseria, non deixa de ser un mal remendo, que a propia Merkel non se nega a incorporar ao seu discurso.
Un novo pacto entre a CDU e o PSD pon en evidencia que ambos os partidos son intercambiábeis e que para a alta burguesía alemá cumpren idénticos cometidos. Pensar que esta alianza vai virar as politicas económicas e sociais á esquerda non ten ningunha base de sustentación, cando menos no referente a cuestións estratéxicas que impliquen cambios reais.
Se iso non aconteceu durante os gobernos con maioría socialdemócrata, nen na anterior alianza CDU-PSD ¿por que ía suceder agora, cando a correlación de forzas local e internacional é máis desfavorábel? Tampouco a presión social e sindical parece que estea no seu mellor momento en Alemaña. Todo apunta á continuidade, a que a locomotora da UE segue a camiñar en sentido contrario ás necesidades históricas de construír sociedades xustas e democráticas.

Alemaña, eleccións de continuidade

Te puede interesar