Nun océano de navegantes piratas

Non se entende moi ben, pero ao parecer é así, temos a Illa nun océano de navegantes piratas e temos pouca capacidade e poucas posibilidades para saber que é o que pasa. Algúns teñen a sensación e crenza de que as estratexias dos partidos políticos e dos políticos están deseñadas para que aqueles que chegaron ao poder poidan manterse, e para que os que aspiran a cambiar de cadeira poidan facelo pronto, de inmediato ou cando lles pete.

Os integrantes do equipo dominante, gobernan e opóñense ao goberno, ao mesmo tempo. Son dúas cousas á vez, nun intento de deixar os campos todos despexados e ocupados. Queren ser e non ser, como se fose `o mesmo´ e `non o mesmo´, sabendo –como saben– que “o negativo como concepto é o resultado de varias mutacións do non ser”. 

O xefe do equipo de gobernanza non dá feito, sáenlle ananos por tódalas esquinas e dentro, e moitos deles son teimudos con enorme capacidade para increpar, coa malicia de querer estar e non estar ao mesmo tempo. A estratexia destes está elaborada e perfectamente deseñada para marcar as diferenzas, para ser e non ser, segundo conveña e segundo o momento. 

A oportunidade presentábase propicia, o xefe decide facer limpeza, airear e refrescar unha área concreta, aquela que atufaba a desesperanza, na que a moral do persoal estaba supeditada ou condicionada pola morte dos mortos da pandemia. Aí está, unha grande patada para arriba e zas! “Xa podemos abrir a ventá e outear o futuro, que máis tarde ou máis pronto chegará”. Ao morrer o can, acabouse a rabia. Pero inesperadamente rompeu a rampla, cambiaron os tempos e agora? Agora que será?

O mesmo! Presentarán en positivo o cambio e o recambio. O goberno terá integrada no seu ser a contra, con inútiles discusións constantes, con escaseza de ideas, sen rumbo e coa avaricia dos avarentos, con contradicións permanentes e con razón, ou máis ben, sen ela. Son así. Como lembra a Tía Manuela, “Deus dáos e eles xúntanse”. Son gobernantes acostumados a moverse a nado nun océano de navegantes piratas. Uns poñen a rampla para o despegue do ministro e as outras retíranlle a base para que se esnafre, para que se estrele e volva coa suor na testa e a dor no corazón e no peito. 

Mentres todo isto ocorre, a oposición anda sen cabeza, lánguida, desnutrida de ideas e de proxectos, turrando entre eles para ver cal é o primeiro do vagón da cola. Os que teñen poder e poden, sempre montan na parte dianteira. 

Nun océano de navegantes piratas

Te puede interesar