A primavera dos pobos

Lembramos a Revolución de 1848, xa van alá 170 deste feito histórico de capital transcendencia, xustamente cando conmemoramos a publicación do Manifesto Comunista.

Lembramos a Revolución de 1848, xa van alá 170 deste feito histórico de capital transcendencia, xustamente cando conmemoramos a publicación do Manifesto Comunista, libriño saído do prelo o 21 de febreiro dese mesmo ano, período no que se encheron as rúas e prazas europeas de mobilizacións e alzamentos que son coñecidos por “a primavera dos pobos”. Con epicentro na francesa París, baixo o reclamo de “Liberdade, Igualdade e Fraternidade”, ou morte se non fosen quen de acadar este fin; os rebeldes lograron derrocar á monarquía e proclamar nova república.
Este Manifesto, autoría de Engels e Marx, este último conmemorado no bicentenario do seu nacemento, perante o tempo do exilio ao que se viron forzados en Bruselas; escríbese nun momento de transición dentro do capitalismo caracterizado polo peso do taller, polo tanto de base artesanal e comercial, de cara a un novo capitalismo industrial, centrado na fábrica e nunha dimensión moito máis grande no seu aspecto físico e patrimonial. En parello vén a configuración dunha nova clase poderosa, a burguesía dominante na parte central do continente europeo. Os autores, promotores da Liga dos Comunistas; evolución ideolóxica natural da súa precedente, a Liga dos Xustos, rama sucesoria doutra anterior e pioneira na acción, a Liga dos Proscritos, proban que “a historia de todas as sociedades, ata o día de hoxe, non foi se non a historia da loita de clases. Homes libres fronte a escravos, nobres e servos, mestres artesáns e xornaleiros. Nunha palabra, opresores fronte a oprimidos, en loita constante, mantiveron unha guerra sen fin, fose esta aberta ou estivese disimulada; unha guerra que rematou sempre por acadar unha transformación revolucionaria da sociedade ou pola destrución das dúas clases antagónicas”. Contrariamente ás metodoloxías revolucionarias precedentes, o Manifesto na súa consecuencia práctica representa a fin do modo de insurrección como xeito de acción política da clase obreira artesanal e a súa evolución de cara a un método de intervención moderna do xeito que aínda continúa vixente hoxe en día: A organización a través do partido político ou formato equivalente. Supón o punto e final do romanticismo trasladado a ideoloxía e senta a base do socialismo científico; e, tamén, da reacción antagónica dos liberais e reaccionarios, atemorizados “fronte á pantasma que percorre Europa, baixo o lema: Proletarios do mundo, unídevos”. Aquel “ano das revolucións”, 1848, deixou así unha pegada que aínda fica por concluír de vez.