XENTE NA NÉBOA (II)

Xa vos teño falado aquí de homes e mulleres que viviron ao meu carón naqueles terribles anos da posguerra, máis duros se cabe que a mesma guerra, cando eu era un neno. Preséntovos hoxe algúns outros que quedaron entón no tinteiro pero que tamén están no meu recordo e no meu corazón. 
A Carola traballaba tamén na casa dos meus avós maternos. Casou co Gabín, o da Gabina, co que tivo varios fillos. Aos irmáns Garrido, Armando, Pepe e Enrique tíñaos eu por moi estirados e fachendosos ata que xa de maior puiden comprobar que eran moi boa xente. O da fachenda non sei se era cousa de familia, ou mesmo do apelido. 
Os que si eran malos, como a quina, que diría miña nai, eran os irmas Lage. Un día o máis vello estivo a piques de morrer afogado no Pozo dos Soldados, nos Boedos. Salvouno meu irmán dunha morte certa, nin as gracias deu. Non volvín a saber nada deles, nunca máis. Non podo esquecer a Jesús Angel, fillo do carteiro e sobriño do Artilleiro. Foi meu mestre de pesca cando eu tiña dez anos. Ensinoume a atar os anzois, a coller grilos, e a pescar con saltón. Moitas e moi boas troitas temos pillado no rio da ponte Da. O día que queimei os pes nunha roza á beira do río, levoume a cabalo del uns catro ou cinco quilómetros ata a casa. Recordo moi ben aquel estríbello, “Ves ves, mira mira”, que repetía sempre que algo non lle acaia. Cos anos perdino de vista, seica foi vivir a Coruña onde xa hai tempo que morreu. 
Tinín era o fillo máis vello de Toñín de Rita, primo e amigo do meu pai. Morreu moi novo. Aínda me acordo do ben que tocaban Carrascosa na bandurra el e o seu irmán Antonio. A tía Rita, que era irmá do vello Bergantiños, tiña a súa casa preto do paso a nivel que levaba o seu nome. Recórdoa sempre enferma e rosmando, aínda así morreu moi preto dos cen anos. Chama a atención a lonxevidade das mulleres da miña familia. Xa non existe o paso a nivel de Rita, foi substituído por unha ponte que atravesando a vía do tren, comunica Guitiriz coa estrada de Mariz. De seguro que aínda queda xente agachada entre a brétema, prometo revivilos aquí, se cadra, algún outro día.

XENTE NA NÉBOA (II)

Te puede interesar